Skip to main content

Adianto de medidas do Plan de Emprego Xuvenil

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou que se irá perfilando o novo plan de emprego xuvenil que contemplará un plan de conciliación da vida estudiantil e laboral, así como mecanismos de discriminación que impulsen a contratación de mozos e mozas menores de 30 anos.

Estes “tempos difíciles” están afectando negativamente ao mundo laboral, indicou Mato, á vez que lembrou que, en Galicia, xa hai 210.000 desempregados, cifra que sitúa o paro como o “problema de maior relevancia co que se enfronta a sociedade galega”. A conselleira fixo estas declaracións no acto de gradación da XII promoción da Escola Universitaria de Relacións Laborais da Universidade da Coruña.

Mato animou á nova promoción na súa andaina laboral e transmitiulles que a Consellería de Traballo é moi consciente de que hai que ofrecer unha resposta real e práctica a un dos problemas cos que se atopa a mocidade ao rematar os seus estudos; atopar un emprego estable e digno, por iso o primordial é impulsar medidas que lles permitan “atopar, desenvolver e manter” o seu primeiro emprego.

A titular de Traballo tamén fixo fincapé en promover a creación de emprego como a mellor política social para a xuventude galega, sendo a única que garante a estabilidade social e a viabilidade do “noso” sistema de benestar. Unha política social que cobra especial relevancia con cifras como o aumento interanual, desde abril de 2008, de 15.158 parados máis entre os menores 30 anos e a redución en 50.000 afiliados á Seguridade Social, nesta mesma franxa de idade, desde 2005 e ata marzo de 2009.

A conselleira, Beatriz Mato engadiu que o Goberno Autonómico da Xunta está tratando de volver a unha senda de crecemento económico e de creación de emprego co compromiso de impulsar políticas activas, moi especialmente para o colectivo xuvenil, un dos máis afectados polo desemprego.

A conselleira tamén quixo subliñar a importancia das relacións laborais no mundo actual e a súa constante evolución, unhas relacións laborais que deben ser “máis modernas” e “menos conflitivas”, porque non é o momento das discrepancias, apelou.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia