Skip to main content

Mato defende o papel do Consello Galego de Relacións Laborais como interlocutor na negociación colectiva

¡A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, defendeu ¡o papel do Consello Galego de Relacións Laborais como o “mellor interlocutor” á hora de acadar unha “mellor” negociación colectiva na Comunidade. Neste sentido, animou a traballar tanto a este órgano como ao seu propio departamento, co fin de converterse en “catalizadores do diálogo social”.

Mato participou no pleno do Consello de Relacións Laborais en Santiago de Compostela. Durante a súa intervención, destacou o papel desempeñado desde 1988 por este órgano que se ocupa, entre outras funcións, de ditaminar as normas laborais da Xunta, de promover o debate social, fomentar a negociación colectiva e facilitar a mediación e a arbitraxe nos conflitos de traballo.

Neste eido, a conselleira recordou que “nos tempos tan difíciles que nos atopamos” son precisos “acordos serenos e sensatos” para poñer solución as tensións que aparecen nas relacións laborais. Para conseguilo, animou a “traballar todos” na mesma dirección, que é a da negociación e o consenso, “os mellores aliados contra a crise”.

Por iso mesmo, e pola relevancia que a Consellería de Benestar outorga aos axentes sociais, un “piar básico” na construción das políticas, Mato adiantou que a Xunta “dará a importancia que se merece” a todas as propostas que cheguen desde este Consello.

“Temos por diante o gran reto de mellorar a situación do noso mercado laboral”, apunto a conselleira. Así, entre as grandes metas marcadas, situou a formación dos mozos e mozas, que debe ser igual ou superior a do resto do mundo, e apostou por unha mellora dos sistemas de orientación profesional. Tamén defendeu a “formación permanente” dos traballadores, co fin de mellorar as súas oportunidades, así como as políticas activas de emprego para a integración laboral de mulleres, mozos, maiores, discapacitados e persoas en risco de exclusión social.

Ante estes retos de futuro, Mato amosou a súa confianza en que “desde a participación e a co-responsabilidade”, Galicia conseguirá encher o “contido do marco laboral”, cunhas relacións “máis modernas” e “menos conflitivas”. A conselleira aproveitou esta ocasión para recordar que o Goberno da Xunta “sempre primará, por enriba de todo” as necesidades sociais fronte aos intereses particulares das empresas.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia