Skip to main content

O Igape promove unha ampliación de 14,8 millóns de euros para o Fondo Emprende

O Igape, organismo dependente da Consellería de Economía e Industria, vén de promover unha ampliación de 14,8 millóns de euros para o Fondo Emprende, xestionado por Xesgalicia, para facer fronte a novos compromisos de investimento que agora mesmo están en estudo.

Esta cantidade súmase aos 41,4 millóns de euros cos que xa contaba esta iniciativa. Á achega do Igape, que ascende a 11 millóns de euros, e que foi aprobada no último consello de dirección do Instituto, súmanse as aportacións realizadas polas caixas de aforro galegas que participan no Fondo Emprende.

O Fondo Emprende orienta a súa acción a investir en proxectos empresariais promovidos por novos emprendedores, a sociedades de nova creación con posibilidades de desenvolvemento, e a aquelas outras que acometan actividades novidosas e apliquen as novas tecnoloxías.

O Fondo Emprende está especialmente dirixido a proxectos innovadores, que permitan mellorar a competitividade empresarial, ben da man de avances na distribución, nas estruturas organizativas ou coa mestura da tecnoloxía e a mercadotecnia.

Esta nova liña de axudas que parte dende a Consellería de Economía e Industria vai encamiñada a cumprir un dos compromisos adquiridos polo conselleiro, Javier Guerra Fernández, quen destacou en máis dunha ocasión a vontade do seu departamento de apoiar e financiar “boas ideas e bos equipos” e non unicamente ás grandes empresas do tecido industrial galego.

A achega aprobada polo Igape é unha mensaxe clara de apoio dirixida aos novos emprendedores para que desenvolvan e consoliden os seus proxectos nun contexto de crise económica ao amparo das axudas da Xunta de Galicia, e apostando dunha forma decidida pola innovación e as novas tecnoloxías.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia