Skip to main content

Mato márcase como prioridade frear a lacra do desemprego

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asegurou en Lugo que a prioridade do Goberno galego é por freo á lacra do desemprego e para iso está a traballar nun plan de choque no que están implicadas oito consellerías.

Lembrou que o obxectivo desta mesa de traballo, composta por diferentes departamentos da Xunta, é elaborar un documento con diferentes medidas de aplicación urxente que poidan paliar as cifras do paro e que permitan impulsar o tecido produtivo de Galicia.

Mato, que hoxe clausurou o acto de graduación da XII promoción de diplomados de Relacións Laborais, apostou por desenvolver estratexias que incrementen a produtividade e que dean maior axilidade co fin de abrir novos mercados de traballo e canles alternativas.

Ao mesmo tempo, indicou Mato, é necesario acometer a modernización dos servizos públicos de emprego e revisar os plans educativos para adaptalos ás necesidades do mercado laboral, así como incrementar o investimento en I +D e reformular as políticas activas de emprego.

A planificación económica e industrial do futuro, dixo, debería basearse en sectores de alto valor engadido, “cunha alta capacidade de capilaridade, entre eles”, subliñou.

Así mesmo e ante a preocupación existente sobre o incremento de solicitudes de Expedientes de Regulación de Emprego, Mato garantiu que o Goberno galego vai ser “moi escrupuloso” coa resolución dos ERE e non vai permitir que ningunha empresa “se aproveite para atentar contra os dereitos dos traballadores.”

Tanto o número de EREs como as cifras do paro piden á sociedade a búsqueda de fórmulas consensuadas para paliar os efectos da crise e que Galicia poida voltar ao emprego estable, concluíu Mato.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia