Skip to main content

O presidente da Xunta reúnese o luns, 15 de xuño, co presidente do Goberno

O mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, reunirase o luns 15 de xuño co presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, con quen abordará os asuntos prioritarios para a comunidade galega. Segundo confirmou o titular da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello, o financiamento autonómico, as infraestruturas, o sector primario, a Lei de Dependencia e o voto en urna para os residentes ausentes centrarán a xuntanza do vindeiro luns no Palacio da Moncloa.

“A suficiencia dinámica do sistema de financiamento é clave, para nós, para os gobernos seguintes e sobre todo para o pobo de Galicia dos próximos 10-15 anos”, aseverou Alberto Núñez Feijóo, sinalando que o financiamento autonómico será prioritario na axenda do vindeiro luns.

Tamén “é clave a competitividade da nosa economía”, engadiu, lembrando que esta pasa polas infraestruturas e que tanto as autovías como o tren de alta velocidade serán, polo tanto, temas destacados que serán abordados no encontro co presidente do Goberno. “As infraestruturas, o tren de alta velocidade, os prazos, as datas, a comisión de seguimento de infraestruturas e de autovías é clave dentro da axenda do presidente do Goberno”, engadiu, sinalando que tamén formará parte da axenda da xuntanza que manterá proximamente co ministro de Fomento.

Outro dos asuntos que se tratarán na reunión do luns será o mantemento do sector primario, xa que “o sector primario está nunha profunda crise e o sector lácteo ten que formar parte dun capítulo especial”, dixo Feijóo.

O presidente galego considerou, ademais, importante para Galicia o desenvolvemento da Lei de dependencia A este respecto, Feijóo argumentou que a nosa comunidade ten unha porcentaxe de poboación de máis de 65 anos superior á media española e que por iso hai que “coidar especialmente as prestacións por dependencia”, unha materia na que espera conseguir o compromiso do presidente español.

Por último subliñou que é “clave” rematar “co anacronismo democrático do voto en sacas de correo” procedentes de países hispanoamericanos e necesario instaurar o “voto en urna”, para que todos os emigrantes poidan votar con garantías, un asunto que tamén cobrará especial relevancia na xuntanza co máximo mandatario español.

“Esas cinco cuestións, xunto con outras, relativas a transferencias ou relativas a conflitos no constitucional ou relativas a outros sectores formarán parte loxicamente da axenda da xuntanza co presidente do goberno o próximo luns”, concluíu Feijóo ao respecto amosando a súa confianza de que a esta lle seguirán xuntanzas específicas cos ministros con competencias na materia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia