Skip to main content

O Cesga inaugura a primeira escola de verán en ciencia computacional de España

O Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, inaugurou a Primeira Edición da Escola de Verán do CESGA, "CESGA Computational Science Summer School", o primeiro curso en España que ofrece unha formación completa en programación, paralelización, optimización e execución de aplicacións, depurado e análise de rendemento. Ao rematar os alumnos poderán desenvolver as súas propias aplicacións científicas para programar en grandes supercomputadores.

O CESGA, que vén ofrecendo formación ao seu persoal e usuarios dende a súa creación, organizou a "CESGA Computational Science Summer School" contando co financiamento do Nodo CESGA dentro do Proxecto Ingenio Mathematica, i-Math, a Rede Galega de Computación de Altas Prestacións, GHPC, a Rede Mathematica Consulting & Computing de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación e a DXIDI da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, e coa colaboración de HP Invent e Dell. A súa finalidade é proporcionar ferramenteas e coñecementos de vangarda a investigadores en Ciencia Computacional.

Dirixida a investigadores

Por iso está dirixida a licenciados, enxeñeiros e investigadores de diferentes disciplinas (na súa maioría físicos, químicos, informáticos e matemáticos), que desexen formarse en técnicas de computación e novas ferramentas de cálculo científico. Ademais, a CESGA Summer School pretende mostrar os usos actuais da computación e a simulación en supercomputadores en diversas aplicacións como Matemáticas, Biomedicina e Nanotecnoloxía. Neste sentido, trátase de ofrecer aos membros de grupos de investigación (usuarios ou non do CESGA) as ferramentas precisas para sacar o maior rendemento de supercomputadores como Finis Terrae e aplicalo ás súas investigacións.

Cabe sinalar que na primeira semana de oferta de prazas se completou o 100% da inscrición, o que dá unha idea do interese que espertou esta escola de verán. O único xeito de conseguir esta formación completa ata agora, era realizando unha serie de cursos individuais en diferentes centros e datas.

En virtude dun acordo co grupo de HPC da Rede Española de e-Ciencia (http://www.e-ciencia.es/) investigadores doutros centros españois poderán beneficiarse da formación impartida na escola de verán do CESGA.

Os alumnos realizarán prácticas con casos reais propostos por eles mesmos e que se poderán poñer en práctica no FT, do que terán polo menos dous nodos completos á súa disposición durante a duración do curso.

Estancias de investigación

Por primeira vez tres investigadores mozos participarán nestes cursos a través de estancias de investigación. Durante tres meses traballarán no CESGA asistindo aos cursos da Escola de Verán e desenvolvendo ao mesmo tempo o seu proxecto de investigación, ao que lle aportarán os coñecementos e ferramentas adquiridos na etapa de formación desta escola. Os tres proxectos de investigación pertencen aos campos da Física de Altas Enerxías, Mecánica de Fluídos e Linguaxes de Programación.

Programa

Impartiranse os seguintes cursos de formación en programación, optimización e depurado de aplicacións científicas, tanto secuenciais coma paralelas:
• Programación en Fortran (16/06-19/06)
• Programación en C (22/06-26/06)
• Matemática Computacional: Compilación, execución e optimización de programas (29/06-03/07)
• Introdución a algoritmos de resolución de aplicacións científicas (06/07-10/07)
• Introducción á programación en MPI (20/07-24/07)
• Programación paralela utilizando directivas OpenMP (27/07-31/07)
• Ferramentas de desenvolvemento de aplicacións paralelas: Debugging e análise do rendemento (07/09-11/09)

Adicionalmente aos cursos de formación, celebraranse catro seminarios de presentación da necesidade da ciencia computacional en diversas áreas científicas, impartidos por investigadores especialistas de prestixio internacional.

Toda a información sobre a Summer School pódese atopar neste enlace:
http://www.cesga.es/SummerSchool2009
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia