Skip to main content

A Xunta defende o consenso galego sobre financiamento

A Xunta seguirá negociando co Goberno central con lealdade, conscente de que queda moito traballo por facer e moito por falar, para conseguir un novo modelo de financiamento autonómico no que se garanta que Galicia teña os recursos que lle permitan competir en termos de equidade co resto das Comunidades Autónomas.

O Executivo autonómico porá en valor o consenso acadado no Parlamento galego para defender que a comunidade autónoma non perda posicións relativas no novo modelo, con cautela, trala entrevista mantida polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero.

A Consellería de Facenda salienta que o principio básico para a articulación do modelo debe ser a axeitada cobertura das necesidades de gasto de todas as comunidades autónomas, de maneira que terá que garantir a igualdade plena de todos os cidadáns no acceso a todos os servizos públicos, tanto na posición de partida como no curso da súa futura evolución, e sempre con independencia do seu lugar de residencia.

Tamén pretende que no novo modelo a ponderación da variable relativa á dispersión da poboación experimente incrementos significativos sobre a existente no sistema vixente, de xeito que estes se aprecien non só en termos relativos senón tamén en termos absolutos, ofrecendo fondos que os que proporciona a aplicación desta variable actualmente.

Igualmente a Xunta busca mellorar a consideración da variable representativa do avellentamento da población, así como que, para os efectos de servizos sociais e dependencia, o modelo debe considerar polo menos dous tramos de poboación maior de 65 anos de idade.

O Goberno trasladará a posición común de que estes e outros elementos que inciden no coste de prestación de servizos, como son a orografía, a lengua e os residentes ausentes, deben estar perfectamente identificados e ponderados no novo sistema de financiamento autonómico.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia