Skip to main content

Mato valora a implicación 100% de patronal e sindicatos do metal para logar un acordo

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, valorou especialmente a implicación “cen por cen” manifestada por sindicatos e patronal do metal e instounos a solucionar o conflito do sector para evitar perdas no tecido empresarial.

Mato realizou estas declaracións despois de manter un encontro con representantes de cinco patronais, e de reunirse onte cos representantes sindicais de CCOO, UGT y CIG. O dobre obxectivo das reunións era facer un chamamento ao consenso desde a Xunta de Galicia e coñecer de “primeira man” o sentir de cada unha das partes.

A titular de Traballo amosou a súa preocupación pola situación que se está producindo en Vigo e considerou que non pode continuar. Por iso, destacou o compromiso de patronal e sindicatos de “facer todo o posible” para que “nestes días” se poda chegar a un acordo.

Pola súa banda, Mato comprometeu “todos os esforzos” do seu departamento no que atinxe á mediación, que é o que “o Goberno galego pode achegar e o que leva facendo desde o primeiro momento”.

Por iso, asegurou que a Consellería traballará dentro de todas as súas responsabilidades para “crear un ambiente axeitado para chegar a un consenso”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia