Skip to main content

Turismo desenvolve dúas campañas publicitarias

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, acompañada pola directora-xerente de Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti, presentou en Santiago as campañas de publicidade que promocionarán ao longo dos meses de xuño e xullo a imaxe turística de Galicia nas principais cadeas de televisión españolas, co obxecto de persuadir aos cidadáns galegos e do resto de España para que elixan a Comunidade galega como destino das súas vacacións estivais.

Estas dúas accións de promoción, que foron consensuadas co sector turístico galego nunha xuntanza que mantivo a secretaria xeral para o Turismo cos representantes da hostalería galega o pasado 3 de xuño, van dirixidas, por un lado, aos cidadáns galegos para que lembren que Galicia é un dos mellores destinos turísticos españois para pasar as vacacións estivais, e por outro, á poboación do resto de España para que elixan Galicia como destino do seu tempo de lecer este verán.

Con estas dúas campañas, a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaria Xeral para o Turismo e Turgalicia, tamén busca manter o posicionamento turístico da imaxe do Turismo de Galicia no eido español, así como incidir na toma de decisión dos que aínda non teñen elixido o seu destino vacacional.

Estratexia

O obxectivo fundamental destas dúas campañas de promoción é o de chegar o máis directamente posible ao meirande número de cidadáns galegos e do resto de España con capacidade económica para viaxar, de acordo co orzamento previsto, 2.350.000 euros.

Con esta premisa, o xeito máis directo e rápido para achegarse ao público-obxectivo destas accións é a través dos medios de comunicación, en dentro destes o que conta con máis cobertura é a televisión, que se achega a máis do 90 por cento dos fogares españois.

Deste xeito, entre os días 22 de xuño e 12 de xullo, nunha primeira fase, Turgalicia emitirá un spot de 30 segundos nas cadeas de televisión xeneralistas con máis audiencia de España e, paralelamente, na Televisión de Galicia e as televisións locais galegas. Existe tamén unha previsión para ampliar ao outros medios de comunicación estas accións de promoción ao longo do mes de xullo co obxectivo de incidir nos máis indecisos á hora de elixir destino turístico.

Creatividade

Polo que respecta á creatividade, a Secretaría Xeral para o Turismo e Turgalicia apostaron por manter o posicionamento turístico de Galicia, que segundo distintos estudos de demanda se percibe como un destino moi identificado coa natureza, a cultura e as emocións.

Ademais, nos spots que se emitirán nas televisións de máis audiencia en España inclúense elementos que distinguen ao Turismo galego do resto de España, como o Camiño de Santiago.

A película publicitaria de 30 segundos que se emitirá nas televisións xeneralistas españolas terá como reclamo o slogam “Ven y siéntela”, mentres que o spot que se emitirá en Galicia convidará aos galegos a redescubrir e coñecer a fondo os recursos turísticos galegos coa pregunta final ¿coñécela?.

Plan de medios

Para cubrir os obxectivos desta campaña, cabe salientar que se emitirán máis de 700 pases dos spots nas televisións xeneralistas de Galicia e o resto de España.

Cualitativamente, máis do 40 por cento dos pases desta acción publicitaria en televisión serán emitidos en horario de máxima audiencia. Ademais, no ámbito do resto de España, arredor dun 20 por cento dos pases do spot serán posicionados, o que significa que estarán colocados estratexicamente nos bloques publicitarios nos que se emitan para chegar máis directamente ao público obxectivo do Turismo galego.

Esta creatividade e o plan de medios farán do Turismo galego un dos mellor e máis promocionados de España para a tempada estival.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia