Skip to main content

As institucións galegas celebran o 25º aniversario do Valedor do Pobo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que os 25 anos do Valedor do Pobo constitúen “a historia dun dos maiores éxitos da autonomía galega”. O máximo mandatario galego, quen fixo estas declaracións na clausura dunhas xornadas conmemorativas do aniversario desta institución esta mañá no Parlamento galego, asegurou que estes 25 anos son dabondo “para comprobar que o Valedor ten o aprecio e mais a confianza da cidadanía”. “A experiencia deste tempo dille aos galegos que aquí teñen un apoio fronte aos abusos ou descuidos das diferentes administracións”, engadiu.

Nesta liña, o titular da Xunta destacou que o Valedor do Pobo é un “organismo incómodo” para as administracións públicas, pero salientou que se trata dunha incomodidade “saudable e positiva”. “Alguén dixo en certa ocasión que o poder tende a converter as fiestras en espellos. Pois ben, institucións como a do Valedor axudan a que estea sempre aberta esa fiestra que permite que entren as inquedanzas da cidadanía”, remarcou.

O máximo mandatario galego citou, no transcurso da súa intervención, os tres valedores “rigurosos e independentes” que tivo Galicia: José Cora, José Ramón Vázquez Sandes, e Benigno López. “Coa súa actitude de homes bos diante dos problemas e das críticas, déronnos a todos unha importante lección de bonhomía que eu lles agradezo. A súa traxectoria é unha peza esencial nese galeguismo cordial que tanto precisa pontes, vencellos e lugares de encontro”, afirmou.

Feijóo lembrou, por último, o momento de “desacougo” que atravesa a democracia galega por mor da crise económica. “Creo que o Ombudsman, el Defensor del Pueblo, o Valedor e todas as figuras homólogas, van a ter unha importancia capital para lograr que as turbulencias non supoñan un desapego das querencias democráticas, senón un maior achegamento a elas. Nesta tarefa, o Valedor será decisivo”, asegurou.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia