Skip to main content

Suárez Canal rebaixa a gravidade das súas certificacións de obras en falso días despois de pedir, por menos, a dimisión de Hernández

Como era de esperar, o ex conselleiro de Medio Rural restou gravidade ao feito de que fai sete meses certificase e dese por acabada unha obra que a día de hoxe segue sen terminarse, e que se financiou con fondos europeos. Alfredo Suárez Canal non ve escandalosas as actuacións que protagonizou á fronte da Consellería en tempos do bipartito, pero si lle parecía necesario fai uns días que, polo menos, por dar o visto e prace a unha certificación efectuada por outra persoa nunha etapa anterior, dimitise ou fóra cesado o conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio.

A reacción, previsible, demostra que para os membros da oposición, toda actuación protagonizada por altos cargos do PPdeG é gravísima, pero cando se demostra que eles mesmos son actores de episodios similares din que a situación “é normal e que non pasa nada”.

Os populares puxeron de manifesto onte que o ex conselleiro de Medio Rural había certificado en decembro o fin dunhas obras que aínda hoxe segue desenvolvéndose en Tomiño. O PPdeG lembrou que, acusando do mesmo -aínda que de forma falsa- ao actual conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, os socialistas se querellaron contra Agustín Hernández e os nacionalistas pediron o seu cesamento. O PPdeG considera que se as actuacións que se lle imputan a Hernández, aínda que falsas, merecen ser resoltas coa dimisión deste, as actuacións que se demostrou documentalmente que levou a cabo o señor Suárez Canal deberán ser resoltas do mesmo xeito. De non ser así, o BNG mostrará que aplica unha vara de medir ao PPdeG que non se aplica a si mesmo.

A falta de coherencia por parte de PSOE e BNG que onte anticipou e rolda de prensa Alejandro Gómez Alonso quedou probada: a non asunción de responsabilidades por parte de quen certificaron as obras en falso (BNG) e os que dirixían o Goberno galego naquel momento (PSOE) demostra que os ataques cara a Agustín Hernández son electoralistas e carentes de fundamento. O único obxectivo destas é desgastar pola vía xudicial a un conselleiro plenamente implicado na mellora do país.

A oposición quixo xudicializar a vida política querellándose contra o conselleiro por unhas presuntas irregularidades que el non cometeu pero que si cometeu o hoxe deputado Alfredo Suárez Canal. Se queren dimisións, que as busquen na casa.

Os populares móstranse satisfeitos ao demostrar que socialistas e nacionalistas non son capaces de ver a viga no propio ollo pero si a palla no alleo. Con todo, tamén están decepcionados ao confirmar que Galicia non ten a oposición que merece, posto que roza o sensacionalismo e foxe do sentido común de forma estrepitosa.


Gabinete de Comunicación do PPdeG