Skip to main content

Santiago de Compostela podería acoller en 2010 un Consello de Ministros da UE

O pleno do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha iniciativa do PPdeG na que se instaba a Xunta a que demande do Goberno que o próximo ano teña lugar en Santiago de Compostela unha reunión dun Consello de Ministros da UE, a ser posible, o Consello de Ministros Europeos de Cultura. A iniciativa foi consensuada polos tres grupos parlamentarios e segundo indicou o deputado popular Daniel Varela Suanzes-Carpegna, o encargado da súa defensa, “contribuirá a darlle o necesario pulo internacional á celebración do Ano Santo e a dinamización e impulso cultural da nosa Comunidade”.

O PPdeG aceptou sendas emendas dos grupos da oposición nas que se solicitaba que se celebren en Galicia Consellos de Ministros Europeos de Pesca e de Transporte. Así mesmo se acordou que se aprobe unha declaración sobre a promoción e defensa das linguas propias e minoritarias das comunidades, así como que a lingua galega serva de vehículo de comunicación para dar conta dos acordos acadados.

Segundo Daniel Varela esta iniciativa se enmarca nas previstas polo PP na UE para facer que Europa sexa partícipe da celebración “xa que Santiago de Compostela, cidade Patrimonio Cultural da Humanidade, acollerá o vindeiro ano 2010 a milleiros de peregrinos de todo o mundo e, unha feliz coincidencia, fai que precisamente o ano 2010 teña lugar tamén a Presidencia española da Unión Europea”.

Para o deputado popular é necesario aproveitar a coincidencia de ambos acontecementos para darlle ó Xacobeo 2010 o relevo europeo e a promoción que merece tendo en conta os valores que o Camiño de Santiago aportou a construción de Europa “recoñecidos polos europeos e polas institucións da UE declarando o Consello Europeo o Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo”.



Gabinete de Comunicación do PPdeG