Skip to main content

Galicia apoia en Sevilla á Torre de Hércules

A Xunta de Galicia apoiará en Sevilla de forma institucional, a través da Consellería de Cultura e Turismo, a candidatura da Torre de Hércules a ser designada Patrimonio da Humanidade da Unesco. A delegación galega estará encabezada polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e polo director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, que participarán desde mañá venres nos actos da XXXIII Sesión do Comité do Patrimonio Mundial que avaliará os 37 proxectos finalistas, á espera de que o sábado 27 se faga público o veredicto da Unesco. A Consellería de Cultura e Turismo confía nas posibilidades da Torre de Hércules pola singularidade do monumento e pola significación social tanto para a cidade de A Coruña como para toda Galicia.

Na delegación galega estarán presentes, ademais, os técnicos de Patrimonio que, xunto a especialistas do Ministerio de Cultura, participaron na elaboración do expediente definitivo que foi aceptado pola Unesco para incluír á Torre de Hércules no listado final que será examinado polo Comité do Patrimonio Mundial. Para a redacción deste expediente, que pesou finalmente 12 kilogramos, constituíuse un equipo multidisciplinar, formado por enxeñeiros, arquitectos, historiadores e restauradores, para adecuarse ao estrito formulario esixido pola Unesco.

Segundo os técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, xogará unha baza decisiva o feito de que a Torre de Hércules é o único faro romano activo en todo o mundo, cumprindo coa función primixenia para a que foi proxectado e executado. Asemade, o entorno privilexiado onde está situado representa os valores paisaxísticos e humanos da Galicia atlántica ao longo da historia.

Sinaturas

Para impulsar a aprobación da Torre como Patrimonio da Humanidade, a Consellería de Cultura e Turismo desenvolveu no tramo final da candidatura unha exitosa campaña de apoio nas cidades galegas. En seis días, máis de 12.000 galegos asinaron a prol da candidatura no stand itinerante instalado pola Xunta en Santiago, Lugo, Ourense, Ferrol, Pontevedra e Vigo.

De conseguir o recoñecemento da Unesco, Galicia pasaría a ter catro elementos patrimoniais coa categoría de Patrimonio da Humanidade despois das designacións do Casco Histórico de Santiago de Compostela en 1985, do Camiño de Santiago en 1993 e da Muralla Romana de Lugo en 2000.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia