Skip to main content

O Banco Europeo de Investimentos (BEI) financia actuacións medioambientais

O Banco Europeo de Investimentos (BEI) financiará con 150 millóns de euros un total de 43 actuacións de carácter medioambiental, tal e como acordaron en Luxemburgo o vicepresidente deste organismo, Carlos da Silva Costa, e a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás.

Estes fondos destinaranse á rehabilitación, ampliación e construción de plantas depuradoras, interceptores e colectores na Comunidade Autónoma de Galicia. A conselleira de Facenda desprazouse ata Luxemburgo para pechar esta operación de financiamento co BEI que permitirá acometer estas actuacións.

Os proxectos que se financiarán divídense en tres grupos, que abranguen desde grandes actuacións de xestión de augas residuais nas principais cidades galegas a plantas depuradoras e colectores, tanto en poboacións mediana como rurais de pequeno tamaño.

Esta operación supón un respaldo do BEI ás propostas presentadas desde Galicia, que tiveron un perfecto encaixe na filosofía de actuacións do Banco Europeo de Investimentos, e supón unha importante inxección de fondos para o desenvolvemento de importantes proxectos de saneamento das augas da comunidade autónoma.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia