Skip to main content

A Secretaría Xeral de Medios pon en marcha un novo proxecto multimedia de formación en Galicia

No marco da campaña Comunícate, que a Secretaría Xeral de Medios desenvolve para dar a coñecer a Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC), estase a traballar nunha serie de doce titoriais interactivos co obxectivo común da facilitar ao usuario o coñecemento e uso das novas tecnoloxías no ámbito da comunicación. O primeiro deles, que versa sobre como subir un vídeo ou unha fotografía a internet, presentouse esta tarde no Centro Multimedia de Galicia de Santiago de Compostela.

Segundo explicou a xefa de Servizo de Programación Multimedia da Secretaría Xeral de Medios, Felicitas Rodríguez, os titoriais, desenvolvidos en Flash, están pensados para un público con escasos coñecementos informáticos e tratarán sobre distintos temas relacionados co mundo das novas tecnoloxías no ámbito da comunicación e cos distintos servizos e oportunidades que a rede ofrece na actividade diaria da cidadanía: o acceso á banca electrónica, a administración electrónica, a formación on-line, as redes sociais, etc… Os interesados poden informarse e inscribirse no 981 555 291.

Foi o xornalista e blogueiro galego Nacho Mirás o encargado de introducir e presentar o primeiro dos titoriais desde o Centro Multimedia de Galicia, aproveitando para facer un percorrido pola situación actual da blogosfera galega. A xornada púidose seguir a través de videoconferencia nos Telecentros de Comunicación de Oroso, Catoira, Abegondo, Lugo, Verín e O Barco de Valdeorras, onde os interesados poderán traballar co titorial, que queda así accesible, a partir de hoxe, nos distintos TC da Rede de Telecentros de Comunicación para o seu uso.

Na súa charla, Nacho Mirás realizou un percorrido pola situación actual da blogosfera galega, desde a súa dobre vertente de xornalista e blogueiro. Mirás situou o ano 2005 como punto da verdadeira explosión da blogosfera galega, un ano no que o que tiña sido un avance discreto racha completamente a súa tendencia e se estende ata o punto de poder analizarse coma un fenómeno de masas, cunha forte penetración.

Mirás analizou, entre outros aspectos, o paralelismo entre os medios de comunicación e os blogs ou bitácoras na rede, facendo fincapé en que os segundos non só suporán, como se cría nun principio, a desaparición dos primeiros, senón que ambos se poden complementar.

A Rede de Telecentros de Comunicación galega (RTC)

Un TC é un espazo acondicionado acusticamente e de estética particular que dispón de material informático (ordenadores, impresoras, etc.), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, así como outros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios (accións formativas, videoconferencias, visionado de audiovisuais ou multimedia) dependendo das necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver.

A Rede de Telecentros de Comunicación (RTC) é un servizo público e gratuíto para todos os cidadáns financiado pola Secretaría Xeral de Medios, en colaboración cos concellos onde se sitúan.

Actualmente a Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia dispón de TC nas localidades de Coruña, Abegondo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Carballo, Melide, Muros, Negreira, Oroso, Santa Comba, Santa Comba, Ribeira, Santiago, Vedra, Vimianzo, Allariz, Castro Caldelas, O Baro de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Verín, Xinzo de Limia, A Fonsagrada, Becerreá, Chantada, Foz, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Quiroga, Sarria, Viveiro, A Cañiza, A Estrada, Catoira, Lalín, Marín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia