Skip to main content

A Xunta proponse elaborar un Plan de Bibliotecas de Galicia nesta lexislatura

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez, recibiron aos representantes da asociación de bibliotecarios e arquiveiros ANABAD Galicia aos que comunicaron as liñas de traballo da Consellería para conseguir un sistema de bibliotecas “moderno e integrado”. Neste sentido, o conselleiro anunciou a presentación en 2010 dunha nova Lei de Bibliotecas na que se está a traballar na súa fase de borrador, coa finalidade de adecuar o marco normativo vixente desde 1989 ás novas necesidades do sector.

Tras a reunión, Roberto Varela asegurou que a Consellería de Cultura e Turismo manterá un “diálogo permanente con todos os profesionais, especialmente das bibliotecas públicas” para a elaboración dun Plan de Bibliotecas para esta lexislatura. Neste eido, estudaranse as propostas presentadas de cara a deseñar unha “modernización eficaz” dos modelos de xestión, mantendo, e incrementando no posible, as liñas de axudas ás bibliotecas públicas.

Respecto á Biblioteca de Galicia, o conselleiro Roberto Varela confirmou a súa inauguración en 2010, coincidindo co Ano da Lectura, concibíndoa como “un proxecto para todos os galegos”. O plan para esta biblioteca ten como obxectivo “recoller e difundir a nosa cultura en calquera soporte” no que será prioritario o servizo á rede de bibliotecas públicas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia