Skip to main content

Carmen Pardo aposta polo turismo de saúde coa creación dun Clúster Termal

A secretaria xeral para o Turismo da Consellería de Cultura e Turismo, Carmen Pardo, participou como relatora no seminario Estratexias de desenvolvemento do Turismo de Saúde e Benestar que ten lugar na cidade portuguesa de Porto, onde se referiu á creación do Cluster termal de Galicia e do Centro de Investigación e Formación en Turismo Termal como dous elementos fundamentais para o futuro do Turismo de Saúde en Galicia.

Carmen Pardo falou destas dúas novas iniciativas da Administración Turística galega como novidades para afrontar novos retos que se presentan no ámbito do Turismo de Saúde de Galicia e como mostra do firme apoio da Consellería de Cultura e Turismo a este subsector turístico galego que o ano pasado xenerou un volume anual de ingresos de 67 millóns de euros.

As razóns presentadas pola secretaria xeral para o Turismo para defender este produto turístico como prioritario na súa folla de ruta nos próximos anos refírense a que se trata dun recurso endóxeno, diferenciador e exclusivo de Galicia; que o gasto medio do turista termal supera o gasto medio diario nun 50% e ao compromiso de aproveitar o turismo como elemento de reequilibio territorial.

Como resultado da reunión cos máximos responsables políticos lusos polo Turismo, o Secretario de Estado, Sr. Bernardo Trinade e o Presidente da Regiao de Turismo Porto e Norte, Melchior Moreira, a secretaria xeral explicou que o acordo establecerá estratexias de execución xa no curto prazo, para o fomento de turismo intra-rexional (un mercado de mais de 6.000.000 de turistas) e outras mais no medio e longo prazo, pois baixo o slogan un destino, dous paises a euro-rexión se pode posicionar como un produto realmente singular e xustificativo de viaxes de longa distancia. Pero os compromisos de colaboración van moito mais lonxe, abarcando temas de formación, de recualificación de produtos en que existen evidentes sinerxias e cos que o destino conxunto gaña masa crítica como o turismo termal, cultural ou de natureza.

Turismo de saúde en Galicia

Na súa intervención, Carmen Pardo fixo un repaso pola situación do Turismo de Saúde galego, cuxa oferta se achega ao 20 por cento do total español. Neste eido, lembrou que en Galicia existen 24 balnearios e centros de talasoterapia que, xunto aos hoteis con spa e outras instalacións termais ofrecen máis de 3.000 prazas de aloxamento, distribuídas por toda a Comunidade autónoma.

A aposta do Executivo galego será dun compromiso constante con este subsector, no que Galicia é sen dúbida unha referencia xa, por varias razóns, pero destacou duas fundamentais: o gasto medio diario do turista termal supera, nun 50%, a media do turismo en Galicia por un lado e, por outro, o desenvolvemento do termalismo responde a uns recursos endóxenos que son sen dúbida o elemento diferenciador por excelencia do noso pais.

No seu diagnóstico sobre o Turismo de Saúde en Galicia, a secretaria xeral para o Turismo dixo que os hoteis balneario de Galicia tiñan aloxado entre os meses de xullo de 2008 e maio de 2009, un total de 350.671 viaxeiros o que supuxo 789.000 pernoctacións e unha ocupación media de máis do 49 por cento. Doutra banda, dentro do volume xeral de negocio do ano 2008 xenerado polos balnearios galegos, Carmen Pardo salientou a media de ingresos por praza hoteleira, que supuxeron 23.630 euros por plaza.

Ademais, a secretaria xeral para o Turismo falou do gasto medio por persoa e día en 2008, en canto a establecementos termais, que superou os 96 euros, o que sitúa este subsector turístico á cabeza da oferta galega. Pardo falou tamén da necesidade de manter e incrementar as accións de promoción e difusión desta modalidade turística a través de accións de mercadotecnia e comercialización, así como de apostar decididamente polo desenvolvemento dos procesos de calidade e I+D.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia