Skip to main content

O PPdeG constituirá unha batería de comisións que exerza de tanque de ideas para o Goberno e que traslade a Xunta a voz dos galegos a través de propostas

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, anunciou a constitución de una batería de comisións sectoriais no seo do partido que nutra de ideas ao Grupo Parlamentario e tamén ao Goberno galego. Deste xeito, o PPdeG actuará como ponte entre as demandas da sociedade galega e a Xunta, coa intermediación do Grupo Parlamentario. Nesta liña, Rueda matizou que o partido que sustenta ao Goberno afronta unha nova etapa que lle esixe seguir estando familiarizado coa realidade galega e ao corrente das preocupacións da sociedade para fuxir dos erros dun bipartito que gobernou alleo aos cidadáns.

O secretario xeral do partido afirmou que o PPdeG cumprirá, deste xeito, co doble obxetivo que se lle plantexou o pasado 1 de marzo, que é o de representar a todos aqueles votantes que confiaron en el, e o de axudar e guiar á Xunta na tarefa de gobernar. Rueda especificou que por iso, o PPdeG “pasará por ser os ollos e os oídos da Xunta á hora de detectar a necesidade de determinadas políticas e actuacións” e servirá tamén para “sondear a opinión pública sobre as decisións da Xunta”.

O PPdeG, a través das novas comisións sectoriais, fará chegar a voz dos galegos ao Goberno, trasladándolle así o sentir da sociedade e propoñendo deste xeito actuacións que poidan servir á Xunta para completar a súa acción executiva. Por unha banda, as dez comisións sectoriais, que se constituirán nos vindeiros días, estarán formadas por expertos en cada materia que producirán ideas e medidas consensuadas cos cidadáns. Nutriranse de suxerencias, denuncias e peticións recibidas, principalmente, a través das oficinas parlamentarias do PPdeG e de cada sesión que celebren emitirán un informe que enviará ao Grupo Parlamentario. Segundo Rueda, servirán de “think tank” para o partido á hora de presentar iniciativas, actuacións e políticas concretas coas que mellorar a vida da xente”.

Ademáis, nese obxectivo de achegar o partido a rúa e coñecer de primeira man as necesidades da sociedade, os deputados do PPdeG retomaron desde onte o ciclo de visitas ás distintas comarcas galegas, onde celebrarán reunións con diversos colectivos coa fin de “falar cos galegos e en primeira persoa sobre as súas particularidades e, en definitiva, saber qué poden facer como parlamentarios para mellorarlles a vida as persoas as que representan”, segundo afirmou Rueda. Polo tanto, as iniciativas que presente o Grupo Popular serán consensuadas coa sociedade e cumprirán tamén co obxectivo de estar “en contacto pleno e continuo coa sociedade galega”.

COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO PROGRAMA ELECTORAL

Rueda tamén anunciou a inminente posta en marcha dunha comisión de seguimento do programa electoral do PPdeG, sentenciando que “tan importante como é facer propostas para a cidadanía é cumprilas”. Afirmou que os primeiros 80 días de Feijóo amosan un cumprimento escrupuloso das promesas electoriais e que todos os pasos que deu eran previsibles posto que se axustan ao programa electoral e ao sentido común, que foi “o menos común dos sentidos nos tempos do bipartito”.

Matizou que para garantir que o Goberno continúa cumprindo como ata agora cos compromisos adquiridos polo partido, a comisión de seguimento, que presidirá Antonio Rodríguez Miranda e da que será secretario Pedro Puy, empezará a traballar nos próximos días elaborando periódicamente informes e dictámenes extragubernamentais sobre as actuacións executadas pola Xunta. Nesta liña, Rueda afirmou que “non se trata de poñernos deberes, pero poñémonolos porque non pensamos renunciar ao cumprimento dos nosos compromisos como partido”.

Gabinete de Comunicación do PPdeG