Skip to main content

Arranca o programa Escolas Abertas 2009 promovido por Emigración

O luns 13 de xullo da comezo o Programa Escolas Abertas 2009 organizado pola Secretaría Xeral de Emigración que ten como principal obxectivo a promoción da cultura galega alén das nosas fronteiras. O acto inaugural que terá lugar na sala de conferencias do Monte do Gozo estará a cargo do subdirector xeral de Comunidades Galegas, Andrés Castro Bande que dará a benvida aos 118 participantes desta edición.

Escolas Abertas 2009 contará cun total de catro modalidades tres delas: Canto popular e percusión, Gaita tradicional galega (nivel intermedio e avanzado) e Asociacionismo e información xuvenil, terán como sede principal as propias instalacións do Monte do Gozo. A modalidade de baile tradicional galego realizarase no Ballet Studio, mentres que as clases teóricas terán lugar na Facultade de Xeografía e Historia.

Un alumnado multicultural

As Escolas Abertas 2009 acollerán a un total de 118 persoas que irán chegando a Santiago de Compostela esta próxima fin de semana para instalarse no complexo do Monte do Gozo.

Entre o alumnado deste ano poderemos atopar a tres españois, un vido desde Sevilla e dous desde Madrid. Do centro de Europa achegaranse a Santiago dous alumnos de Colonia e o alumnado restante procederá de América: 38 de Bos Aires, 15 de Montevideo, 13 de Caracas, 10 de Río de Janeiro, un de México e un de Chile.

Visitas

Ademais das clases que se impartirán nun horario de mañá e tarde, cada grupo de alumnos realizará dúas visitas fóra das aulas a fin de completar a súa formación. Ademais das visitas á Catedral de Santiago de Compostela e ao Museo do Pobo Galego, o grupo de gaita tradicional poderá visitar o obradoiro de Gaitas Seivane e o grupo de baile tradicional galego visitará un ensaio de “Nova Galega de Danza” na Coruña.

A clausura

O acto de clausura terá lugar o 22 de xullo ás 19,00h na sala de conferencias do Monte do Gozo e está previsto a intervención do secretario xeral de Emigración, Santiago Camba Bouzas, así como a entrega de diplomas acreditativos e a actuación de cada un dos grupos de alumnos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia