Skip to main content

O SLG considera un despropósito prohibir usos agrarios en terras afectadas polo lume

O Sindicato Labrego Galego (SLG) quere saír ao paso das declaracións da Ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, con respecto ás causas dos incendios forestais en Galiza, e á posterior reacción do seu homólogo na Xunta, Xosé Manuel Barreiro. Narbona relacionou grande parte dos incendios na provincia de Ourense con intereses agrarios, afirmando que se arrasaba o monte para cultivar posteriormente viñedos. Nun apoio inxustificado a esta tese, o Conselleiro de Medio Ambiente afirma que se está a elaborar unha lei para prohibir plantar viñedos en terreos afectados por incendios.
Para o SLG esta medida non só deixaría sen solucionar o gravísimo problema do lume que Galiza está a sufrir, senón que podería supor un grave prexuízo para moitas familias labregas que, por riba de apandar cos efectos devastadores dos incendios, verían minguadas as posibilidades produtivas das súas terras.
Sen descartar as diversas intencións que poden dar orixe a un lume forestal, dende o SLG temos que denunciar que a causa fundamental da proliferación de incendios é outra moi distinta á que están apuntando diversos políticos. O lume ten o seu caldo de cultivo no peche masivo de explotacións labregas, que provoca o abandono do medio rural e o seu despoboamento, unha condena que sufre o noso agro por mor das nefastas políticas agrarias do PSOE e do PP. ¿Acaso non se decatan Barreiro e Narbona de que as zonas que están a ser devastadas polos incendios son, precisamente, as que teñen o medio rural máis abandonado e despoboado de Galiza: Ourense e o sur de Lugo?
As actividades agrícolas e gandeiras de tipo familiar e labrego sempre foron a base fundamental do equilibrio medioambiental do noso rural. Dende logo, o lume non proliferaría en agros con praderías e leiras en activo, cos camiños ben coidados, cunha poboación que mantivese os terreos e montes limpos de maleza con rozas regulares e pastoreo, cunha silvicultura baseada no sentido común e non no beneficio especulativo, ou co simple mantemento dos cortalumes.
Pola contra, temos un agro desértico e despoboado –sobre todo na provincia de Ourense e no sur de Lugo- sumido no total abandono que favoreceron as políticas agrarias do PP e do PSOE; con reforestacións incontroladas de eucalipto invadindo terras que antes eran de uso agrícola e que, incluso, chegan á beira das casas, co perigo que iso supón en caso de incendio, aproveitándose do baleiro legal existente; sen habitantes que coiden do seu mantemento; con miles de hectáreas a monte inzadas de maleza que son un pasto ideal para as lapas.
Para o SLG, a única solución para facer unha política de prevención dos incendios efectiva e definitiva é a elaboración dun mapa dos usos agrarios do solo de Galiza, un mapa onde apareza definida a tipoloxía e destino de cada metro cadrado de solo no noso País e os seus usos, que marque claramente que terras deben ser para explotación forestal e silvícola, cales para pastos e cales para leiras, hortas ou viñedos. Esta é unha das reivindicacións históricas do SLG, e con ela non habería posibilidade algunha de especulación cos usos da terra, nin sería posible a proliferación de plantacións forestais de eucalipto especulativas e descontroladas. ¿Por que nunca lexislaron a este respecto o PP nin o PSOE?
Así mesmo, cómpre un troco radical nas políticas agrarias para facer que estas miren polos intereses das explotacións labregas e non das industrias agroalimentarias e forestais, políticas agrarias que busquen fixar máis poboación no campo e frear o despoboamento agudo que está a sufrir. Trátase dun paso moi necesario para que o noso medio rural e o noso entorno natural recuperen o equilibrio perdido.
Tomar outro tipo de medidas, como prohibir plantar viñedos en terreos afectados polos incendios, non solucionará o problema e si causará moitos prexuízos a miles de familias labregas que só queren vivir do seu traballo e nada teñen que ver coa especulación do solo ou cos lumes forestais.
Sindicato Labrego Galego