Skip to main content

Galicia recibirá máis de 243 millóns de euros para políticas activas de emprego en 2010

A Consellería de Traballo e Benestar, que dirixe Beatriz Mato, recibirá máis de 243 millóns de euros en materia de políticas activas de emprego no ano 2010. Trátase dunha proposta que reflicte un incremento dun total de 4,1 millóns de euros con respecto ao recibido este ano.

O departamento autonómico lamentou, desta maneira, a falta de rigor e desinformación que amosou o portavoz de Emprego do PSdeG, José Tomé.

Neste senso, a Consellería insistiu en que 243.177.987 euros é a cantidade que percibirá Galicia, a “verdadeira” cifra que se acordou na Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais celebrada entre o Ministerio de Trabajo e as comunidades autónomas o pasado 23 de xuño.

Ademáis, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, lembrou, en resposta ao PSOE, que hai comunidades autónomas que recibirán máis cartos que Galicia porque ou teñen máis número de parados ou estaban nunha clara desventaxa porcentual con respecto ao que perciben outras comunidades. Aínda así, o departamento autonómico resaltou que Galicia, xuntamente con Asturias, obterán o custo medio por desempregado sensiblemente máis alto á media nacional para todo o período 2010-2013
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia