Skip to main content

Anxo Lorenzo fala da necesidade de programas que garantan a permanencia e transmisión do galego

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, falou da necesidade de “poñer en marcha programas e liñas de actuación que garantan a permanencia, transmisión e proxección futura do galego”, obxectivos cos que están comprometidos a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Goberno da Xunta de Galicia. Lorenzo fixo estas declaracións na inauguración do V Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística ‘Traballando en Lingua’, no concello coruñés de Carballo, no que se analizarán o compromiso e os argumentos para a defensa e promoción do galego.

Durante o acto de apertura, Lorenzo tamén explicou o proxecto da primeira rede local de dinamización lingüística, que está a poñer en marcha a Secretaría Xeral. Así mesmo, resaltou que “o Goberno galego manterá as bases sobre as que se construíu nestes últimos trinta anos o pacto lingüístico, fundamentado na cooficialidade, na consideración do galego como lingua propia de Galicia, na acción positiva cara ao galego e na aplicación do principio de non discriminación por razón de utilizar linguas cooficiais”.

O secretario xeral estivo acompañado na inauguración polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o deputado responsable de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Xoán M. Sande; a directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, Goretti Sanmartín; e o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Nel Vidal. O acto desenvolveuse no Pazo da Cultura de Carballo, onde tamén se realizarán, desde hoxe e ata o venres 17, estas xornadas que organiza a Universidade da Coruña coa colaboración do Concello de Carballo e a CTNL.

Temas e actividades

A quinta edición do Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística ‘Traballando en Lingua’, ademais de analizar o compromiso individual co galego e os argumentos para a defensa e promoción deste idioma, tamén tratará outros aspectos, como o aproveitamento das redes de apoio á lingua por parte dos servizos de normalización. Ademais, realizaranse diversas sesións de traballo sobre temas como o bilingüismo e a conservación do idioma; a lingua e o ensino; o papel da irradiación lingüística; ou a integración no galego desde outras realidades.

O curso Traballando en Lingua tamén inclúe outras actividades abertas para todo o público. Trátase da representación teatral da obra Comedia bífida, de Manuel Núñez Singala, e a exposición de Xan Leira Crónicas da represión lingüística.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia