Skip to main content

Eganet e a Xunta coinciden en sinalar a relevancia do sector TIC en tempos de crise

A presidenta da Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Beatriz Legerén, xunto coa vicepresidenta primeira, Mª Luz Castro, e a coordinadora desta entidade, Mª Xosé Jamardo, mantiveron unha xuntanza en Santiago coa secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, para analizar a realidade do sector TIC galego. No decurso do encontro, a patronal das empresas de novas tecnoloxías de Galicia e a secretaria xeral coincidiron na relevancia do sector en tempos de crise e no importante labor que desenvolven as asociacións como apoio ás diversas empresas existentes neste eido.

Para Legerén e Pereira, cómpre potenciar a colaboración entre asociacións e institucións para garantir que os proxectos promovidos pola Xunta cheguen ao maior número posible de empresas. As dúas responsables coincidiron tamén en valorar positivamente o feito de que o novo Goberno galego atendese a demanda do sector de unificar as competencias en materia TIC nun único departamento. Ademais, sinalaron que o feito de situar estas competencias en Presidencia permite unha maior transversalidade a prol dunha mellor e máis áxil xestión das medidas que se desenvolvan.

COMBATER A FENDA DIXITAL

Legerén expúsolle a Pereira o labor que está desenvolvendo Eganet, como motor das TIC, para combater a fenda dixital en Galicia, para o que se precisa, ademais da “ampliación da rede de telecomunicacións, un achegamento á cidadanía para que a demanda de TIC sexa acorde á oferta”. “A maior coñecemento maior posibilidade de mellora e maior desenvolvemento e competitividade, tanto das novas tecnoloxías coma dos distintos sectores produtivos galegos”, manifestou a presidenta de Eganet.

A xuntanza de hoxe enmárcase na rolda de encontros que está a desenvolver Eganet con diversos departamentos da Xunta na busca de apoio institucional para as empresas galegas de novas tecnoloxías. Así, recentemente reuniuse coa directora xeral de Formación e Colocación, Ana Mª Díaz, á que presentou as necesidades formativas e de orientación laboral do capital humano do sector.
Suma Comunicación