Skip to main content

O PPdeG solicita un programa específico para a protección dos pazos de Galicia

O Grupo Parlamentario Popular ven de presentar no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei na que insta á Xunta de Galicia a elaborar un programa específico de protección dos pazos de Galicia e de posta en valor da cultura pacega. Na iniciativa, presentada en rolda de prensa polo voceiro de Cultura do PPdeG, Ignacio López-Chaves, insta tamén ao goberno autonómico a realizar unha convocatoria específica de axudas para a conservación e recuperación dos mesmos.

O deputado popular xustifica esta necesidade de protección xa que os pazos constitúen unha das mostras mais importantes da arquitectura civil en Galicia e, ao memo tempo, son os exemplos deste tipo de arquitectura mais representativos na nosa Comunidade. “Como bens de gran valor histórico, artístico e social deben recibir unha protección especial que contribúa a súa defensa e conservación” indicou López-Chaves.

O Grupo Popular recorda na súa iniciativa que, como afirmaba Alvaro Cunqueiro, ben é posible falar en Galicia dunha cultura dos pazos, que tiveron o seu máximo esplendor no século XVIII, e mesmo a despoboación destes significou unha gran perda para a vida intelectual, social e económica do país.

Para López-Chaves os pazos que, na concepción agrarista de Ramón Otero Pedrayo son una “morada fidalga no campo”, representan unha mostra non só do noso patrimonio arquitectónico e da nosa historia senón que tamén gardan nas súas fincas algúns dos mais importantes exemplos dos xardíns de Galicia, algúns deles incluso declarados BIC.
Gabinete de Comunicación do Grupo Parlamentario do PPdeG