Skip to main content

Presentado o libro De Lalín a Buenos Aires. Benito Blanco, un galego emprendedor

O Delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro, celebrou a publicación da obra que recolle a biografía de Benito Blanco e trasladou á autora e ao empresario homenaxeado a gratitude de Galicia pola realización desta obra.

López Dobarro participou na presentación do libro “De Lalín a Buenos Aires, Benito Blanco, un galego emprendedor”, escrito por Mariana Vicat e que recolle a biografía deste emigrante galego a Arxentina.

Entre o numeroso público asistente ao evento, celebrado no Centro Lalín, Agolada e Silleda de Buenos Aires, tamén participaron o xerente da Fundación Galicia Emigración, Xosé Manuel Castelao Bragaña, e o debuxante da tira arxentina “Súper Hijitus” Manuel García Ferre, que gabaron os esforzos realizados por Blanco na súa andaina laboral e destacaron a cualidade humana do que consideraron un “amigo”.

Benito Blanco naceu no municipio de Lalín e aos vinte anos emigrou a Buenos Aires onde comezou a súa carreira empresarial no eido da restauración e prosperou nos negocios mineiros, petroleiros, químicos e da alimentación. En 1983 foi distinguido coa designación de “Fillo Predilecto” de Lalín e na actualidade é recoñecido nas dúas beiras do atlántico pola súa traxectoria persoal e profesional.

Edición limitada e a beneficio de Unicef

Os beneficios obtidos pola comercialización desta obra serán doados a UNICEF para a realización de obras benéficas destinadas á nenez. O volume, publicado por Abey Edicións, conta con 192 páxinas a toda cor na que se inclúen con variadas fotografías.

Trátase dunha edición numerada e limitada de 1.000 exemplares que xa foi presentada hai uns días no propio municipio de Lalín e na Deputación de Pontevedra.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia