Skip to main content

Presentado un plan de acción urxente para paliar as carencias detectadas na auditoría a Sogama

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, presentou en rolda de prensa un plan de acción urxente para abordar os problemas detectados tras a realización dunha auditoría en Sogama. Cómpre recordar que a auditoría contratada en maio de 2009 fíxose en base á Autorización Ambiental Integrada (AAI) e o obxectivo era analizar a situación das instalacións da Sociedade Galego do Medio Ambiente, tanto do Complexo Medioambiental como do vertedoiro controlado de Areosa. Os traballos da auditoría foron realizados pola consultora Idom coa finalidade de contar cun diagnóstico de partida para lograr o antes posible á normalidade, logo dunha época na que a xestión da planta viuse ensombrecida por unha serie de denuncias e conflitos laborais.

O responsable do departamento medioambiental da Xunta estivo acompañado polo presidente de Sogama, Luís Lamas, quen explicou as medidas que recolle Plan de acción urxente, e polo subdirector xeral de Calidade Ambiental, Fernando Asperilla, quen deu conta dos resultados da auditoría ambiental de Sogama.

Deste estudo revélase que mentres que o Centro Medioambiental cumpre a AAI, salvo emisións puntais procedentes de queimas de lixo que están perfectamente identificadas e controladas, e que incluso en moitos puntos atópase por debaixo dos límites, o vertedoiro de Areosa presenta continuas e persistentes carencias que hai que subsanar. Así, en materia de lixiviados obsérvanse deficiencias na súa xestión, xa que as balsas de seguridade son empregadas como balsas de lixiviados, e sobre as augas pluviais hai unha situación de desorde xeral, xa que hai balsas anuladas que están cheas e as redes de cunetas non se axustan ás características de execución, ademais de descoñecerse a existencia de drenes para a recollida de augas superficiais.

Por outro lado, en relación co biogás, non se observaron deficiencias nas instalacións de pretratamento e valorización, pero si presentan deficiencias na rede de captación de gases. En canto ao selado das zonas do vertedoiro acolmatadas, a auditoría mostra que a pendente dos taludes presenta problemas de estabilidade e de resistencia das capas de selado.

No relativo ao control e explotación do vertedoiro, detectáronse deficiencias no control de aceptación dos residuos e no funcionamento das empacadoras, xa que presentan un baixo rendemento e paradas continuas por avarías. En consecuencia, boa parte dos residuos de entrada teñen que ser trasladados ao vertedoiro sen empacar. Ademais, durante o transporte dos residuos (dende a planta de empaquetado ata o vertedoiro) xéranse vertidos por escorrido e caída de residuos, polo que é necesario solventar esta deficiencia.

Por último, da auditoría tamén se desprende a necesidade de realizar un estudo de detalle sobre o grado de afección medioambiental ao entorno do vertedoiro de Areosa, tendo en conta que o mesmo foi plantexado inicialmente como un depósito temporal e rematou como un vertedoiro permanente.

Cumprimento do vertedoiro de Areosa

Á hora de comprobar o grado de cumprimento das condicións da AAI no vertedoiro de Areosa, a auditoría destaca que ata o momento non se realizou ningún balance hídrico das instalacións. Non obstante, Sogama xa ten preparados os pregos para sacar a concurso o servizo de vixilancia e control ambiental do vertedoiro, no que se inclúe a realización deste servizo.

Cómpre sinalar que no relativo ás augas superficiais existen catro puntos de control (ubicados nos cauces de Areosa e no seu encontro co Lengüelle), que revelan a existencia de valores altos dos sólidos en suspensión – as medicións de amonio total están por enriba dos valores permitidos-, incluso os valores de amonio son elevados de forma constante e permanente no caso das desviacións de nitritros.-

No relativo aos lixiviados, os informes de 2008 xa demostran que o vertedoiro se atopa en fase ácida, polo que este feito indica elevadas concentracións de dióxido de carbono (CO2) e de ácidos orgánicos, aspectos que derivan nun ph ácido.

Estado do Centro Medioambiental

Despois da analizar os resultados da auditoría pódese concluír que todas as instalacións que conforman o Complexo Medioambiental de Cerceda (CMC) cumpren todos os requirimentos da AAI relativos a emisións á atmosfera. Asemade, as catro estacións de control da inmisión no contorno do CMC, que están conectados ao Centro de proceso de Datos do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, revelan que non se produciron desviacións importantes dos parámetros que miden (chumbo molecular, metais pesados, hidrocarburos aromáticos policíclicos, dioxinas ou furanos).

Non obstante, o CMC require certas melloras en relación co seu almacenamento de sustancias perigosas para o medio ambiente. Compre lembrar, neste sentido, que a Consellería que dirixe Agustín Hernández está a traballar no borrador do prego de condicións para contratar os traballos de construción dun almacén para produtos químicos e de acondicionamento do actual almacén de residuos considerados perigosos.

Plan de acción urxente

Partindo das deficiencias detectadas pola auditoría, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas levará a cabo un plan de acción urxente, tanto correctivo como preventivo, polo que se establecerán medidas a curto e medio prazo. A finalidade é adecuar o complexo medioambiental e o depósito controlado de residuos da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) á normativa vixente sobre o tratamento do lixo, e avanzar na eliminación dos efectos ambientais existentes na actualidade. Para levar a cabo esta acción medioambiental, o Goberno galego destinará preto de dous millóns de euros para a súa posta en marcha e aplicación.

En canto ao complexo ambiental, a total adecuación do mesmo para que a súa xestión sexa a adecuada abarca tres zonas de actuación.. A primeira consistirá na construción dun área de almacenamento de substancias perigosas, polo que se procederá á creación de zonas cubertas, debidamente impermeabilizadas e con superficie suficiente para segregar substancias segundo a súa tipoloxía, e cubetos para reter posibles derrames.

En segundo lugar, construirase un área de almacenamento de residuos perigosos, polo que se adecuarán e ampliarán os espazos destinados á almacenaxe deste tipo de residuos coas mesmas condicións de seguridade que no anterior.

A terceira fase de actuación incidirá no vertedoiro de residuos perigosos, para o cal se definirá un procedemento de explotación e mantemento do vertedoiro que asegure un correcto estado de orden e de limpeza da instalación.

Actuacións no depósito de residuos

O plan engloba ademais a adecuación do depósito controlado de residuos urbanos de Sogama, que tamén se levará a cabo en tres fases.

Á vista dos resultados revelados pola auditoría, as accións correctivas deste programa deben facerse de xeito inmediato para reducir a xeración de lixivias e augas de escorrentía contaminadas e que a súa xestión (almacenamento e tratamento) sexa a adecuada. Os obxectivos son minimizar a xeración deste tipo de residuos no último cuatrimestre do ano e desenvolver a explotación do vertedoiro en adecuadas condicións medioambientais e de seguridade e saúde.

Unha das medidas que se acometerán con maior urxencia consistirá en revisar as zonas xa clausuradas e restauradas do antigo vertedoiro para verificar que o selado está correctamente executado e que non hai filtracións de as augas pluviais. Se fora necesario, construiríanse cunetas e balsas pluviais para a recollida destas augas e determinaríase o nivel e volume real de lixiviados no vertedoiro.

Neste plan de acción tamén se incluirá a realización dos estudios necesarios para a posterior adecuación á normativa vixente das celdas do vertedoiro xa colmatadas e as que a día de hoxe están en explotación.

Por último, estipúlase unha fase de estudio para a implantación de novas tecnoloxías, coa finalidade de establecer liñas de desenvolvemento que permitan adecuar e acondicionar os residuos que se depositen no vertedoiro e xestionar os lixiviados que se producen.

Catro anos perdidos

Agustín Hernández defendeu o sistema de tratamento de residuos que representa Sogama e o importantísimo papel xogado dende a súa creación en 1992 para facer fronte ao proceso de deterioro ambiental orixinado pola proliferación dos máis de 300 vertedoiros incontrolados e de 3.000 puntos de vertido ilegal que estaban a ocasionar naquel momento serios prexuízos ao medio ambiente.

Insistiu en que os problemas ambientais céntranse de forma case exclusiva no vertedoiro de Areosa, non na planta de tratamento, que está a funcionar de xeito normal e sempre, salvo momentos puntuais, dentro dos parámetros que establece a lei e que marca a autorización ambiental integrada.

Recoñeceu que “o vertedoiro de Areosa é produto dunha falla de previsión inicial, e o que se pensou como un lugar para almacenar o lixo de xeito provisional, pasou a ser un vertedoiro permanente”. Segundo o conselleiro, “a isto engadiuse a falta de acción dos últimos catro anos, nos que se foron acumulando os problemas e facéndose visibles as deficiencias latentes, sen que o goberno anterior fixera nada por solucionalos”.

A planta medio ambiental de Sogama ocupa unha superficie de 65 hectáreas e ten capacidade para tratar arredor de 550.000 toneladas de residuos sólidos ao ano, aínda que xestiona arredor de 900.000 toneladas. Atende a un total de 275 concellos galegos, que suman un total de 2.256.494 habitantes, é dicir, máis do 81% da poboación de Galicia.

Novos vasos de vertido

Coa fin de ampliar a capacidade do actual vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa, a Sociedade ten en proxecto a construción de dous novos vasos de vertido. De feito, xa se licitou a construción do vaso 1 e que terá un volume bruto de 258.300m3, o que equivale a unhas 163.000 toneladas de residuos urbanos. O custo desta actuación é de 1.400.000 euros, e o seu prazo de execución de catro meses.

A continuación procederase á execución do vaso 0, con capacidade para albergar aproximadamente 179.000 toneladas. Con estas dúas infraestruturas incrementarase a capacidade do vertedoiro nunhas 342.000 toneladas. Aínda que, na situación actual, o vertedoiro de Areosa estaría colmatado en 5-6 meses, cos dous novos vasos ampliarase a vida útil do mesmo en aproximadamente un ano mais.

De forma paralela, e ante a carencia de terreos no propio recinto, a entidade atópase traballando nun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal a fin de proceder á súa ampliación.

Nova balsa de pluviais

Na actualidade estase a construír tamén a nova balsa de pluviais, a terceira coa que conta a planta. A súa función é a de aumentar a capacidade total de retención de augas pluviais no vertedoiro, garantindo así unha correcta clarificación pola decantación dos sólidos en suspensión, posibilitando o seu vertido á canle pública.

Nestes momentos estase realizando á escavación da balsa, e posteriormente procederase á súa impermeabilización. Estará finalizada nun prazo de entre 2 e 3 semanas. Dispoñerá ademais dunha rede de captación de augas subterráneas debido a que o nivel freático da zona é alto.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia