Skip to main content

Feijóo di que Clesa dá inicio á senda de unión do sector lácteo galego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou o esforzo conxunto que permitiu que Galicia teña hoxe “un proxecto galego e unha marca galega” que ten permitido, ademais, avanzar “na senda de unión do sector lácteo”: a planta de Clesa en Caldas de Reis.

“Decidimos nos momentos de maior dificultade económica, nos momentos de maior estreitez financeira, nos momentos de máis dificultades para acadar crédito, capitalizar esta compañía; e decidimos seguir no que, sen dúbida, é unha aposta por ir unindo o sector lácteo galego, non só desde o punto de vista da produción senón, tamén, desde o punto de vista do valor engadido”, asegurou Feijóo. A este respecto, lembrou que a fábrica de Clesa en Caldas “fai valor engadido do leite, transfórmao e véndeo en produtos que incorren nese valor engadido, que é o que necesitamos nestes momentos para ser competitivos na industria láctea”, aseverou.

Na súa intervención, o presidente da Xunta incidiu en que “fomos capaces de sacar adiante este proxecto”, e quixo agradecer, en primeiro lugar, o esforzo dos traballadores, encabezados por uns representantes “razoables, sensatos e absolutamente realistas coa situación de dificultade”, dixo; en segundo lugar, ás dez cooperativas galegas que se agrupan en Acolat; e tamén a un aval e a un préstamo da Xunta de Galicia. Grazas a todo isto, agregou, “en Galicia hoxe temos un proxecto galego, unha marca galega, cunha factoría ubicada en Caldas de Reis, e mantemos unha marca coñecida no sector lácteo desde hai moito tempo que é a marca Clesa”, abondou.

O mandatario galego amosouse confiado en que este proxecto, “que iniciamos no peor momento posible, se vaia consolidando”, ao igual que o plan de negocio de Clesa “de ir incorporando máis traballadores á planta e de ir reiniciando a súa actividade ordinaria, para poder protexer o sector lácteo galego e para iniciar unha senda de unión para poder competir e poder manter un sector que dá emprego a 40.000 persoas en Galicia e que supón o 30 por cento de toda a produción agraria na comunidade autónoma”, precisou.

“Polo tanto, parabéns”, indicoulle Feijóo aos directivos e representantes da empresa, ante os que tamén se amosou esperanzado en que “a pesar das dificultades económicas, sexamos capaces de que a factoría Clesa se manteña con traballo e actividade, e que a marca Clesa sexa propiedade xa de dez cooperativas galegas; e, polo tanto, sexa unha marca galega”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia