Skip to main content

O director García-Pelayo participa no ciclo sobre a súa obra promovido polo CGAI

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa na sede coruñesa do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) un ciclo retrospectivo arredor da filmografía completa do polifacético Gonzalo García-Pelayo, quen viaxa a Galicia para participar nas sesións de mañá e do mércores, a primeira delas xunto ao crítico e programador Álvaro Arroba.

O ciclo desenvolverase ao longo de tres xornadas (martes 29, mércores 30 e venres 2), con pases ás 18.00 e ás 20.30 horas. Os encontros de García-Pelayo cos espectadores terán lugar mañá ás 20.30 h e o mércores ás 18.00 e ás 20.30 h, coincidindo coas respectivas proxeccións de ‘Vivir en Sevilla’ (1978), ‘Rocío y José’ (1982) e ‘Alegrías de Cádiz’ (2013), filme este último que supuxo a súa volta ao cinema despois de trinta anos sen rodar. Completan o programa as exhibicións de ‘Manuela’ (1975) mañá, ás 18.00 h; ‘Corridas de alegría’ (1982) o venres 2 de maio, ás 18.00 h, e ‘Frente al mar’ (1979) tamén o venres, ás 20.30 h.

Ofreceranse, pois, as seis longametraxes que conforman a filmografía deste realizador e que, tras os especiais que lle dedicaron o Festival de Cine Europeo de Sevilla en 2012 e a Viennale austríaca en 2013, está a ser revisada e recuperada como exemplo dun tipo de cine afastado do relato oficial dos anos da transición.

Vida de película

Gonzalo García-Pelayo (Madrid, 1947) regresa así á pantalla grande, logo duns anos en que a súa dedicación profesional ao póker e ao xogo nos casinos semellaba ter escurecido o resto das súas facetas: cineasta e realizador de televisión, locutor de radio, creativo e animador cultural con Sevilla como epicentro, produtor musical fundador do selo Gong, desde o que lanzou grupos como Triana ou Lola e Manuel... Ademais, o seu periplo xunto á súa familia por casinos de todo o mundo cun método baseado na imperfección das ruletas foi obxecto do libro ‘Los Pelayos’ (2003), así como do documental ‘Breaking Vegas: The roulette assault’ emitido por The History Chanel e da longametraxe ‘The Pelayos’ (2012), dirixida por Eduard Cortés.

O CGAI céntrase especificamente no seu legado cinematográfico co obxectivo de redescubrir para o público o autor dunha serie de filmes frescos, radicais e libres de prexuízos, que se abriron camiño no cine español dos anos setenta e dos primeiros oitenta, e aos que agora se engade ‘Alegrías de Cádiz’, a súa experiencia fílmica máis recente.

A programación detallada pode consultarse na web www.cgai.org

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia