Skip to main content

Lémbrase a figura de Isaac Díaz Pardo na mostra A vangarda das formas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou a figura de Isaac Díaz Pardo como a dun home “que dedicou a vida a afirmar Galicia como sociedade de futuro”. Na apertura no Museo do Pobo Galego da mostra A vangarda das formas, Vázquez Abad lembrou a capacidade deste artista e empresario - promotor do Castro, Magdalena (Arxentina), Sargadelos e do Laboratorio de Formas- para “labrar un proxecto compatible cunhas circunstancias difíciles, dotalo de entusiasmo e convertelo nunha bandeira de desenvolvemento para un país que precisaba e precisa facer tanxible o seu potencial, ocupar as áreas de expansión que lle están destinadas e tomar parte nunha vangarda que precisa tamén a achega de Galicia”.

“Díaz Pardo -dixo- traballou en prol dunha Galicia de todos, e do seu labor nútrense todas as persoas que se encontran no abano do respecto ás normas democráticas de convivencia. Logrouno co talento e co mineral que abrocha no noso chan; tróuxoo co seu inmenso espírito de convivencia, e hoxe merece a nosa beizón, que perdurará no dilatado futuro que lle corresponde a Galicia”, engadiu.

A exposición inaugurada hoxe en Santiago de Compostela recolle máis de 350 pezas da obra cerámica do que fora presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, desde os seus comezos na década dos corenta do pasado século ata as creacións previas ao seu pasamento. A mostra inclúe bosquexos orixinais dalgunhas das pezas que se expoñen, que ven a luz por vez primeira. Ademais, moitas das obras que se poden contemplar nas salas do museo compostelán son descoñecidas e outras son prototipos de pezas que non se chegaron a comercializar ou que están esgotadas desde hai anos, e dalgúns deseñados xunto con colaboradores como Luís Seoane, co que fundou o Laboratorio de Formas. ‘A vangarda das formas’ poderá visitarse no Museo do Pobo Galego, de martes a domingo, ata o 31 de agosto.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia