Skip to main content

As relacións entre o cinema e a literatura centran o ciclo Filmar as palabras do CGAI

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inicia o mércores 7 de maio na sede do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) na Coruña o ciclo Filmar as palabras que, no mes no que se celebra o Día das Letras Galegas, busca achegarlles aos espectadores unha nova visión sobre as relacións entre o cinema e a literatura. Con este obxectivo, seleccionouse un total de nove propostas que se arredan das adaptacións literarias tradicionais e entre as que se atopan os traballos galegos ‘Arraianos’, de Eloy Enciso, e ‘VidaExtra’, de Ramiro Ledo.

O programa estrutúrase arredor de cinco xornadas de exhibición, que se estenderán ata o 25 de maio como parte, así mesmo, da sección ‘Desencadres’ que o CGAI dedica a obras que escapan ás clasificacións habituais. A carteleira de maio na sala de proxeccións da Filmoteca de Galicia inclúe tamén unha escolma de títulos galardoados e nomeados na pasada edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego (do 13 ao 16) e os ciclos ‘Roberto Rossellini: restauracións dixitais’ (do 22 de maio ao 18 de xuño) e ‘Cine e Psiquiatría’ (29 e 30 de maio).

O texto no primeiro plano

A través das fitas seleccionadas para ‘Filmar as palabras’ afondarase no proceso de tradución das formas literarias a imaxes, máis alá do que adoitamos entender por adaptacións literarias. É o caso das obras do cineasta francés Jean-Marie Straub, quen xunto á súa muller, Danièlle Huillet, asinou algunhas das máis estimulantes translacións da literatura á pantalla. No CGAI exhibiranse dous dos seus últimos filmes, realizados en solitario tras a morte da súa compañeira: ‘Un conte de Michel de Montaigne’ (mañá mércores 7) e ‘Dialogue d’ombres’ (xoves 8), que parten respectivamente de Montaigne e Georges Bernanos para levar o texto ao primeiro plano. Ambos os filmes ofreceranse en sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas.

A xornada de mañá completarase con ‘The Joycean Society’, de Dora García, protagonizada por un grupo de persoas que se reúnen desde hai moitos anos para leren e interpretaren o ‘Finnegan’s Wake’, de James Joyce. En canto á do xoves, xunto coa fita de Straub, proxectarase ‘All This Can Happen’, na que Siobhan Davies e David Hinton asinan unha atípica adaptación literaria a partir do relato de Robert Walser ‘Der Spaziergang’ (‘O paseo’), na procura dunha equivalencia literal entre as palabras e as accións do texto e mais as imaxes comodín procedentes doutras películas.

Influencia de Straub

Straub está tamén moi presente na tradución que ‘Arraianos’ realiza de ‘O bosque’, a obra de Jenaro Marinhas del Valle. O premiado filme de Eloy Enciso, que se proxectará o mércores 21 de maio tamén en sesión dobre, combina o teatro co documental, o mito coa realidade e a natureza cos homes e as mulleres da fronteira entre Galicia e Portugal.

A outro nivel, tamén Ramiro Ledo ten na mente a Straub en ‘VidaExtra’ (sábado 24 de maio, ás 18.00 horas), un filme sobre a preparación e as consecuencias dunha folga en cinco mozos e inspirada, á súa vez, nos protagonistas de ‘La estética de la resistencia’, de Peter Weiss. Segundo o propio director, a novela de Weiss empregouse como guía para “superpoñela ao presente e ver que proveito podemos sacar dela para enfrontarnos ao noso día a día”.

Pola súa banda, a xornada do venres 9 de maio relaciona este ciclo cos ‘Desencadres’ que o CGAI está a dedicar desde xaneiro ao norteamericano Stan Brakhage, un dos cineastas experimentais máis influentes de todos os tempos. Partindo da idea de que o cine experimental é a única forma cinematográfica capaz de traducir a imaxes a linguaxe poética, ofreceranse as súas pezas ‘The Riddle of Lumen’ e ‘The Dante Quartet’, xunto con ‘Zorn’s Lemma’, do tamén estadounidense Hollis Frampton, autor vangardista considerado unha das influencias de Brakhage.

Programa de maio en Ourense

En canto á extensión da programación do CGAI en Ourense, desenvolvida grazas á colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación Cultural Cineclube Padre Feijoo, a carteleira de maio deu comezo onte con ‘Arraianos’ e ofrecerá, a continuación, outros dous exemplos do chamado Novo Cinema Galego: ‘O quinto evanxeo de Gaspar Hauser’ (día 12), de Alberto Gracia, e ‘Vikingland’ (día 19), de Xurxo Chirro. O programa deste mes complétase con ‘Once I Entered a Garden’, do recoñecido documentalista israelí Avi Mograbi. A Biblioteca Pública Nodal de Ourense acollerá a proxección destes catro novos títulos en sesións dobres, ás 20.30 e ás 23.00 horas.

A programación completa pode consultarse na web www.cgai.org
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia