Skip to main content

Películas de Roberto Rossellini restauradas dixitalmente, no CGAI

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), na Coruña, un ciclo coa proxección de oito películas do emblemático director italiano Roberto Rossellini, que contan co interese engadido de ter sido restauradas dixitalmente.

O programa, que dá comezo o mércores 21 de maio cun pase dobre (ás 18.00h e ás 20.30h) de ‘Roma, ciudad abierta’, desenvolverase ata mediados de xuño con outros sete títulos: ‘Paisà’ (23 de maio), ‘Alemania, año cero’ (27 de maio), ‘L’amore’ (28 de maio), ‘Stromboli’ (10 de xuño), ‘La macchina ammazacattivi’ (11 de xuño), ‘Te querré siempre’ (17 de xuño) e ‘India, Matri Bhumi’ (18 de xuño).

Esta compilación forma parte do Proxecto Rossellini, unha iniciativa de restauración dixital de varias das grandes fitas do director levada a cabo entre tres institucións italianas (Cineteca Nazionale, Cineteca del Comune de Bologna e Cinecittá Luce) en colaboración coa compañía de produción audiovisual e distribución internacional Coproduction Office. O resultado deste traballo, que foi presentado no Festival de Cannes en 2011, fai posible gozar en todo o seu esplendor da filmografía dun autor que abriu as vías da modernidade no cinema.

Roberto Rossellini (1906-1977), personalidade estimada esencial na ruptura neorrealista, emprendeu unha progresiva e constante aproximación á realidade desde a súa produción fílmica, o que unido ao seu carácter humanista fixo del un incontestable mestre. A escolma de películas a proxectar no CGAI, realizadas entre 1945 e 1958, demostran esta mestría e a súa tese de considerar a literatura como análise e o cine como síntese, como unha mediación que facilitaba a confianza ou crenza no poder da ollada.

Paralelamente á obra de Rossellini, o CGAI acollerá nas próximas semanas outras propostas, como son a última entrega do ciclo Filmar as Palabras: ‘VidaExtra’, de Ramiro Ledo (24 de maio); ‘O instante eterno’, de José Antonio Cascudo, no apartado Off Galicia (31 de maio) ou ‘Chelsea Girls’, de Andy Warhol (3 de xuño) en Desencadres. En xuño albergará tamén unha parte da programación da (S8) Mostra de Cinema Periférico e iniciará o novo ciclo ‘Cine e Psiquiatría: paradigmas da mirada’.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia