Skip to main content

A edición máis exitosa en participación e vendas consolida o encontro Corazón da Artesanía como referente anual do sector

A terceira edición do Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, Corazón da Artesanía, organizada pola Consellería de Economía e Industria, convértese na máis exitosa das celebradas, con máis de 6.000 visitantes tralo peche das últimas cifras e un importante volume de vendas que consolidan esta iniciativa como referente anual do sector.

Durante toda a fin de semana Os Pendellos de Agolada enchéronse novamente de vida cunha iniciativa na que artesanía, gastronomía e música foron da man e na que se puido ver o traballo de medio cento de artesáns de máis de vinte oficios tradicionais diferentes, así como visitar máis dunha trintena de postos de degustación e venda de produtos gastronómicos.

Entre as actividades que espertaron especialmente o interese dos visitantes estiveron, ademais das diferentes actuacións musicais, como os concertos de Sés, Marful e Agrupación de Acordeonistas da Escola de Música Bieito Blanco, de Ourense, as demostracións en vivo de oficios e a posibilidade de probar a utilizar o torno, aprender a trenzar vimbios ou facer tellas, unha das novidades deste ano.

O Encontro, pensado tanto para o público xeral como para os profesionais e especialistas, permitiu tamén abrir novas vías de colaboración e oportunidades de negocio para os artesáns e emprendedores participantes. Ademais, as distintas presentacións e conferencias reuniron a máis de 300 persoas, mentres que 50 profesionais de diferentes disciplinas, como a artesanía, o deseño ou a arquitectura participaron nos cursos especializados.

Por outra banda, a iniciativa Artesanía no Prato, que cubriu todas as prazas dispoñibles, achegou a artesanía ás propostas da nova cociña galega, con showcookings a cargo de cociñeiros do Grupo Nove nos que se empregaron produtos de gastronomía á venda no propio Encontro.

A posta en marcha do III Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, Corazón da Artesanía, forma parte do novo Plan de Artesanía de Galicia, que persegue conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia