Skip to main content

Increméntanse nun 18% as axudas aos concellos para apoiar os seus programas de Inclusión Social

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula ditas subvencións, que permite complementar a Lei de Inclusión Social con accións concretas que benefician en maior grado a algúns colectivos, tales como actuacións de carácter residencial para persoas e familias incorporadas aos procesos de realoxo e erradicación do chabolismo ou con carencias básicas no fogar; ou accións de carácter educacional no marco da pobreza infantil, co obxectivo de favorecer desde o ámbito socio-familiar a plena normalización no sistema educativo dos menores.

Así mesmo, inclúe medidas hixiénico-sanitarias para a adquisición de pautas normalizadas de atención aos problemas derivados da súa carencia; ou actuacións de información, asesoramento e apoio, no caso das persoas inmigrantes, para a realización de trámites precisos nas autorizacións e renovacións de residencia de traballo, homologación de títulos, reagrupamentos familiares e na emisión de informes de arraigo e de vivenda axeitada.

O obxectivo último de todas estas actuacións é acadar a inserción sociolaboral destes colectivos.

Para os programas para a inclusión social de persoas beneficiarias da RISGA, os concellos contarán con máis de 615.000 euros para a realización de itinerarios personalizados e formación en habilidades básicas e outra formación pre-laboral e ocupacional axeitada ás necesidades destas persoas.

Estes itinerarios incluirán accións necesarias para o deseño, acompañamento e a mellora de aptitudes básicas, desenvolvemento persoal ou técnicas de busca de emprego. A execución de ditos itinerarios implicará necesariamente que os participantes asistan a actividades formativo-laborais e poderanse incluír outras de carácter residencial, educacional ou de adquisición de pautas hixiénico-sanitarias. Esta axuda está prevista para casos de concellos nos que non exista outro dispositivo público que realice este tipo de actividades cos perceptores da RISGA.

Nos programas dirixidos á comunidade xitana investiranse máis de 600.000 euros en accións formativas ou informativas, ademais de considerarse como unidade básica de intervención a social, que consiste na atención individualizada co obxectivo final da inserción sociolaboral.

Nos programas dirixidos a poboación inmigrante destinaranse máis de 373.000 euros para financiar asesoramento técnico especializado; reforzo educativo para o alumnado inmigrante en Galicia; aprendizaxe das linguas da sociedade de acollida para adultos; intervención social realizada a través de itinerarios de inclusión socio-laboral personalizados e accións formativas para: desempeño dun posto de traballo, introdución á sociedade de acollida, alfabetización dixital, no contorno laboral tales como prácticas en empresas, adquisición de competencias clave, obtención de títulos e certificados de profesionalidade, creación de emprego autónomo.

Estas subvencións concederase en réxime de concorrencia competitiva e priorizarase a solicitude conxunta do programa por varios concellos. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde mañá, día seguinte da publicación no DOG.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benestar