Skip to main content

Nenos e nenas de entre 6 e 14 anos participan no campamento de verán Campagal 2014, que reúne actividades de natureza e língua

Acompañaron ao vicepresidente da Deputación na súa visita Fiz Fernández e Sofía Ron, en representación da entidade organizadora.

O campamento desenvólvese na contorna do Albergue Rural Garabullos, en Cospeito, durante o mes de agosto en quendas dunha semana por tramos de idade: as semanas do 4 ao 9 e do 18 ao 23 de agosto estarán reservadas para as crianzas de entre 6 e 10 anos, mentres que os rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos terán dispoñíbeis as semanas do 11 ao 16 e do 25 ao 30 de agosto. Oitenta nenos e nenas participan nesta iniciativa en 4 quendas de 20 cativos cada unha.

Durante a súa visita esta mañá ao campamento, Antonio Veiga destacou o emprazamento no que se desenvolverán as actividades, “unha situación que lles permitirá aos rapaces e rapazas que participen no mesmo estar en contacto directo coa natureza e coñecer o medio rural, un dos principais obxectivos que persegue esta iniciativa. E ese contacto co rural, leva ligada a inmersión lingüística no galego, outra das finalidades principais desta actividade estival”, explicou.

As rapazas e rapaces conseguen ese contacto co galego e co eido rural grazas a actividades como obradoiros en hortos ecolóxicos, obradoiros con material de refugallo, xogos na natureza, obradoiros e xogos de supervivencia, talleres de cociña tradicional galega, piragüismo, xogos nocturnos, xogos populares, sendeirismo, así como actividades de aproveitamento dos recursos naturais para construción e alimentación.
Deputación Provincial de Lugo - Vicepresidencia Primeira