Skip to main content

Entra en vigor a implantación da Lomce en primaria en Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lembra que a comunidade educativa ten a súa disposición, desde hai catro meses, o contido do Decreto que regula a implantación da Lomce en Galicia, polo que é totalmente inexacto falar de descoñecemento do mesmo.

O texto estivo a exposición pública –e por tanto a disposición do conxunto da cidadanía- desde o pasado 21 de maio, e ademais o seu contido foi elevado á Mesa Sectorial de Persoal Docente e ao Consello Escolar de Galicia, e contou co ditame favorable do Consello Consultivo de Galicia. Trátase, por tanto, de trámites que desmenten as declaracións expresadas nos últimos días por distintos colectivos relacionados coa Educación.

Así mesmo, a finais de xullo, a Consellería de Cultura e Educación publicou unha Orde transitoria co fin de anticipar a toda a comunidade educativa os contidos curriculares de aplicación para o curso 2014-2015. É dicir, que se reforzou de novo a comunicación do contido do Decreto de educación primaria que hoxe publica o DOG e que se pode consultar no enlace http://goo.gl/dMvaKq [nova venta]

Ademais, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad lembra que o texto, que foi elaborado por profesores e técnicos da Consellería, foi finalmente aprobado polo Consello da Xunta na xuntanza de Goberno do pasado día 4.

A Consellería de Cultura e Educación considera que este Decreto supón unha aposta polo cambio metodolóxico na procura de mellorar os resultados, potenciando a adquisición de competencias en comunicación lingüística, matemáticas, ciencias e tecnoloxía; reforzando a autonomía dos centros co fin de que distribúan as horas de libre configuración en función das necesidades educativas que detecten; garantindo o equilibro lingüístico e promovendo a calidade, a equidade e a inclusión educativa das persoas con discapacidade, entre outros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia