Skip to main content

Emprendemoda: Economía busca novas oportunidades de negocio para o téxtil galego

O director do Igape, Javier Aguilera, clausurou na Coruña o I Foro Emprendemoda, no que salientou a relevancia do emprendemento como garante da competitividade deste sector, de importancia estratéxica para Galicia e que actúa como unha das principais locomotoras das internacionalización da comunidade.

Neste sentido, Aguilera Navarro subliñou que o sector téxtil é un dos responsables da excelente evolución das exportacións galegas nos últimos anos, lembrando que a Xunta está a consensuar cos principais axentes a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, coa que se aspira a asegurar o progresivo incremento ata superar os 23.000 millóns de euros en 2020.

O director do Igape destacou os apoios que a Xunta vén achegando para facilitar a mellora da competitividade sectorial, a través das iniciativas e actuacións impulsadas polo clúster, ou mediante as axudas específicas que se convocan anualmente para facilitar as estratexias de internacionalización das empresas do téxtil. Aguilera Navarro subliñou, así mesmo, as diferentes ferramentas e instrumentos de apoio coas que conta a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, para impulsar o emprendemento.

O Foro organizado por Cointega-Clúster Téxtil Moda, contando co apoio da Consellería de Economía e Industria, acolleu o desenvolvemento de relatorios sobre diferentes aspectos xurídicos; modelos de negocio ou liñas de financiamento para as empresas do sector.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia