Skip to main content

O programa Venres nas librarías propón un encontro literario con María Reimóndez

O programa Venres nas librarías, promovido polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía e Industria da Xunta de Galicia, xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores (AGE), regresa cun novo encontro literario nas librarías para dinamizar o libro e a lectura. O venres 14 de novembro, a escritora, tradutora e intérprete María Reimóndez presentará no marco deste programa a súa última obra, ‘Dende o conflito’, publicada por Edicións Xerais, nun acto que terá lugar ás 20 horas na libraría Trama de Lugo.

Premio Xerais de Novela 2014

A través de Saínza Combarro, unha xornalista galega que cobre conflitos bélicos para a BBC, o libro aborda a importancia do exercicio xornalístico nas situacións de guerra. O abismo entre o norte e o sur, a pobreza, a fame, a miseria e a marxinación mestúranse nesta obra, Premio Xerais de Novela 2014, co valor da amizade e do amor, coa diversidade e a contradición de sentimento e, en definitiva, coa esencia das cousas que son as realmente importantes na vida.

Encontros literarios para o fomento do libro e da lectura

Os títulos galegos publicados ao longo do último ano son os protagonistas desta nova iniciativa para o fomento do libro e da lectura. Arredor destas publicacións e dos seus autores e autoras, Venres nas librarías propón encontros literarios en establecementos dedicados á venda e promoción do libro da Federación de Librarías de Galicia, que se desenvolverán durante os meses de outubro e novembro.

Os asociados da AGE son os encargados de elaborar a proposta de libros, de acordo cos autores e autoras, que forman parte da primeira edición do programa, e nel poden participar todas as librarías da Federación de Librarías de Galicia.

O calendario de Venres nas librarías, que inclúe títulos de Edicións Xerais, Edicións Embora, Hércules de Ediciones e Tosoxoutos, chegará ata o mes de novembro ás catro provincias galegas. O calendario do programa pode consultarse na axenda de cultura.gal.

Concurso para a descuberta de novidades

O programa tamén conta cunha vertente nas redes sociais de Cultura, en facebook e twitter, cun pequeno concurso semanal de pistas para a descuberta dalgún libro galego, co que se agasallará o lector ou lectora que o descubra. Para participar neste concurso, Andel do agasallo, en @conscultura coa etiqueta #andeldoagasallo e na páxina www.facebook.com/CulturaGalegaXunta [nova venta] iranse facilitando pistas para adiviñar de que libro se fala cada semana nas redes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia