Skip to main content

Turismo de Galicia asina un convenio de colaboración con Gadisa

Turismo de Galicia asinou un convenio de colaboración con Gadisa no marco da conmemoración do VIII Centenario de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela que Galicia celebra ata mediados do próximo ano 2015.

Deste xeito, a compañía de distribución galega contribuirá a fomentar o recoñecemento nacional e internacional do Camiño de Santiago a través do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa que recolle accións de cooperación con iniciativas que se desenvolven na nosa comunidade.

A través da firma deste acordo, ratificado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente-conselleiro delegado de Gadisa, Roberto Tojeiro, a compañía cooperará en promover a tradición peregrina de Galicia dentro e fora da comunidade e, deste xeito, contribuirá tamén a dinamización turística de Galicia.

O Camiño de Santiago está a experimentar un espectacular crecemento, tanto no número de peregrinos como no seu redimensionamento como fenómeno que supera o ámbito nacional. No pasado ano Santiago de Compostela recibiu 215.880 peregrinos, segundo os rexistros elaborados pola oficina de acollida ao peregrino, e este ano esta cifra estase a incrementar en máis dun 10%. No que vai de ano, mais de 234 mil peregrinos xa recibiron a Compostela e deles mais da metade son estranxeiros.

A compañía de distribución, que desenvolve unha importante actividade económica en Galicia a través dos seus centros situados nela, recoñece así a importancia do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela e o seu desexo en colaborar na súa realización, promoción e difusión.

Os actos conmemorativos do VIII Centenario están a impulsar a dinamización turística e cultural de Galicia e, así mesmo, estimulan a participación do sector privado nos proxectos relacionados coa dita conmemoración.

Próximas actividades

A celebración do VIII Centenario de San Francisco de Asís a Santiago continúa ata mediados do próximo ano 2015.

Entre as actividades programadas para os próximos meses encóntrase o I Cume Internacional de Asociacións Xacobeas que terá lugar os días 23, 24 e 25 de abril en Santiago de Compostela e reunirá por primeira vez as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago de todo o mundo coa finalidade de compartir información e experiencias, unir criterios e expoñer dificultades, intentando formular ademais, proxectos en común a beneficio do camiño de Santiago.

Tamén, durante estes meses, coa colaboración da Universidade de Santiago, está a desenvolverse o ciclo “A Conservación do medio ambiente, tarefa común”, unhas xornadas de divulgación sobre a conservación da natureza, sobre os Camiños de Santiago e sobre a harmonía do territorio co seu desenvolvemento, coa súa vexetación, coa paisaxe rural e urbana, co desenvolvemento e co respecto aos animais, que está a recorrer vinte localidades da nosa comunidade.

Así mesmo, de abril a xuño de 2015, o Pazo de Xelmírez acollerá a exposición “San Francisco e o seu tempo” que destacará o legado franciscano no contexto histórico dos séculos XII-XIII, época da chamada Idade de Ouro das peregrinacións xacobeas, con pezas procedentes de museos de diversas partes de Europa.

Tamén durante o próximo ano terá lugar o ciclo "Música in peregrinatio", unha colaboración entre mozos músicos procedentes de territorios europeos vinculados coa peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela e cos Camiños de Santiago. Así, grazas ao irmandamento entre as cidades de Asís e Compostela e á Federación Europea dos Camiños de Santiago, unha orquestra clásica de 49 instrumentos e un coro mixto a catro voces composto por 48 cantores celebrarán dous concertos en Galicia e recibirán clases e seminarios para gozar dunha experiencia enriquecedora de intercambio cultural e convivencia.

Estas e outras moitas actividades continuarán impulsando a dinamización turística e cultural de Galicia a través dos significados e valores da peregrinación xacobea de San Francisco de Asís.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia