Skip to main content

O BNG pide a comparecencia do ministro de Sanidade sobre os beneficiarios dos fármacos de hepatite C

A deputada do BNG, Rosana Pérez, xa presentara no pasado mes de xullo unha proposición non de lei sobre este tema para que o Ministerio ampliase o universo de beneficiarios dos novos fármacos contra esta enfermidade, ademáis de plantexar outras cuestións relacionadas con medidas preventivas. Unha proposición que foi rexeitada polo PP no pasado mes de decembro.

Lembra Rosana Pérez que cos requisitos estabelecidos polo Ministerio, este ano 2015 só poderán acceder a estos tratamentos unhas 4.000 persoas cando o universo de afectados supera os 30.000 segundo estimacións de profesionais sanitarios. A deputada do BNG quer que o Ministro compareza sobre esta cuestión e atenda as demandas dos afectados e afectadas.

O Ministerio debe negociar á baixa o custe do sofosbuvir

Outro flanco que salienta a deputada do BNG é o alto custe económico do sofosbuvir e que o Ministerio debería continuar a negociar á baixa coa farmacéutica porque “está claro que é un abuso en toda regla e está a actuar cunha usura comercial inmoral”. Asemade, a deputada do BNG considera que o Ministro debería dialogar coas asociacións de enfermos afectados polo virus da hepatite C, con expertos sanitarios e plataformas de defensa da sanidade pública para abordar esta situación con rigor e seriedade e “velando sempre polos intereses dos enfermos e enfermas”.
Gabinete de Comunicación do BNG