Skip to main content

O Valedor do Pobo estrea páxina web, accesible tamén desde o dominio .gal

O Valedor do Pobo acaba de estrear páxina web nos dominios www.valedordopobo.com e www.valedordopobo.gal. O novo deseño, baseado nas últimas tendencias gráficas do momento, céntrase nos servizos que a defensoría ofrece aos cidadáns. Así, os mecanismos directos de comunicación entre o valedor e a cidadanía e o material multimedia increméntase. Unha das novidades consiste en que o novo deseño é adaptable ou adaptativo (responsive en inglés), é dicir que modifica a súa aparencia para resultar atractivo e lexible desde todos os dispositivos móbiles. Os cidadáns poden xa presentar as súas queixas desde os mesmos con so cumprimentar un sinxelo formulario. Ademais poden pedir información institucional, achegar documentación relacionada coas queixas e mesmo solicitar visitas á sede do valedor.

Como novidade, a web do valedor ofrece información acerca das principais recomendacións e suxestións emanadas da súa actividade. Ademais incorpora datos estatísticos en tempo real, que permiten ás persoas coñecer o alcance da súa actividade, o número de persoas atendidas nestes trinta anos de traxectoria, os asuntos tramitados, e mesmo as recomendacións realizadas.

Outra das seccións de interese é a de publicacións. Na mesma pódense atopar de xeito moi sinxelo todos os informes ordinarios e extraordinarios elaborados pola institución, así como monografías e outros documentos descargables de interese. Outro aspecto a apuntar garda relación coas noticias elaboradas polo gabinete de comunicación que agora aparecen organizadas por categorías, algo que facilita enormemente as buscas por parte dos usuarios. As redes sociais ocupan tamén un lugar prioritario na cabeceira da páxina e no desenvolvemento de noticia, desde onde se poden compartir con outras persoas cun simple clic.

Esta primeira fase de renovación da páxina web do Valedor do Pobo completarase nas próximas semana coa incorporación de novas funcionalidades. A institución atópase inmersa en pleno proceso de mellora da súa administración electrónica. Así hai xa meses que funciona a sinatura electrónica de documentos e atópase moi avanzado o traballo para que as comunicacións coa administración autonómica se realicen unicamente por medios dixitais, eliminando todo o papel. Neste contexto, a segunda fase da páxina web permitirá aos usuarios acceder ao estado de tramitación dos seus expedientes, entre outras novas funcionalidades.
Isabel Alvite (Gabinete de Comunicación do Valedor do Pobo)