Skip to main content

Cultura adica máis de 780.000 euros ao mantemento da muralla de Lugo ata 2016

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica no Diario Oficial de Galicia a licitación do contrato de obras do Plan de mantemento da Muralla Romana de Lugo 2015-2016, que, incluíndo a dirección da obra, suporá un investimento de máis de 780.000 euros. Esta actuación ten como obxectivo garantir a conservación dun dos símbolos máis senlleiros da nosa Comunidade Autónoma e que é, ademais, Ben de Interese Cultural e Patrimonio da Humanidade. A nova fase do Plan únese á xa contratada polo Goberno galego para o período 2011-2014, de tal forma que o investimento da Xunta nas tarefas de limpeza e mantemento do monumento lucense ascenden a máis de 1,7 millóns de euros. Polo demais, o investimento da Xunta de Galicia na Muralla desde 2009 – entre actuacións realizadas, en execución e previstas- elévase a máis de 4,1 millóns de euros.

O proxecto de intervencións publicado recolle actuacións continuas e periódicas para solventar os danos causadas por axentes de deterioro persistentes como son a reparación dos solados, das fábricas e topetes ou os tratamentos para eliminar a vexetación dos lenzos de pedra. Así mesmo, a estas actuacións habituais xa desde 2011, únense outras relacionadas coa reparación das pegadas de actuacións anteriores na muralla ou con outras actuacións que afectaron á muralla sen incluír a esta. Neste último caso, por exemplo, contémplase a eliminación de enfuscados de cementos, elementos metálicos restos de instalacións antigas ou os restos da apertura da ronda interior antes en contacto con fincas de particulares.

Ademais, e en base aos resultados do control da flora vascular realizado pola Universidade de Santiago de Compostela entre 2011 e 2014, o novo plan inclúe un control medioambiental, aos efectos de establecer o protocolo de actuación dos tratamentos fitosanitarios, tanto para determinar o momento de aplicación como para definir o xeito da aplicación. O obxectivo é non afectar ás especies protexidas residentes na muralla nin a poboación residente e conseguir que sexan máis eficaces reducindo progresivamente a concentración de glifosatos e introducindo bioherbicidas.

Por outra banda, ademais do ascensor comprometido recentemente para acceder ao adarve, nestes momentos estase tramitando a adxudicación para a restauración do adarve e lenzos no ámbito da Porta Miñá, traballos que contan cun orzamento duns 264.000 euros e que inclúen a substitución do pavimento dos cubos XXI e XXII, a limpeza e acondicionamento de paramentos na Porta Miñá, consolidación da súa torre dereita e a recuperación do arco superior e do forxado de madeira do mesmo.

A maiores da execución anual do Plan de Mantemento, o departamento de Cultura da Xunta ten realizado diversas melloras nesta cerca romana, como son os traballos para a conservación e restauración dos xacementos arqueolóxicos do Vicerreitorado de Lugo e para a súa musealización coa creación da Domus do Mitreo, ou os diferentes traballos de limpeza e retirada de vexetación previos á posta en marcha no 2011 no Plan de Mantemento.

No referente ás actuacións realizadas sobre os cubos da Muralla, a Consellería ten acometido traballos de impermeabilización na escaleira do cubo LXXVII, grazas ás que se puido descubrir unha inscrición romana da época da construción deste monumento case bimilenario; así como a consolidación estrutural e restauración do lenzo interior do cubo XXXVIII; melloras nas escaleiras dos cubos XXVII e XXVIII; restauración do cubo XIII; e a construción dunha nova rampla no contorno da Casa Torre coa que xa se mellorou en boa medida a accesibilidade a este ben histórico.

Ademais, a Consellería colocou unha nova rede de luminarias no adarve da Muralla, unha iluminación que basea o seu deseño nos principios básicos de compatibilidade cos valores culturais do monumento e as súas características formais e construtivas, aproveitamento máximo dos elementos e instalacións previas, redución do custe de implantación, funcionamento e mantemento, lonxevidade, dispoñibilidade no mercado de materiais e repostos, e sinxeleza construtiva e formal.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia