Skip to main content

O programa de actuación na muralla de Lugo en 2015 céntrase na accesibilidade universal ao monumento

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou en Lugo que o seu departamento ten previsto para este ano novas actuación que elevarán o investimento do seu departamento neste Ben Mundial a 848.393 euros. Un conxunto de iniciativas “que se insiren en tres eixos complementarios: a conservación, a restauración e a accesibilidade universal ao monumento”, en palabras de Román Rodríguez. En total co gasto orzado en 2015, a Xunta de Galicia inviste na cerca monumental lucense 3.867.171 euros no período 2009-2015.

Segundo explicou Román Rodríguez, as obras de restauración do adarve e lenzos no ámbito da Porta Miñá comezarán nas vindeiras semanas e terán un prazo de execución de 8 meses. Os traballos incluirán a substitución do pavimento e reparación do sistema de impermeabilización nas zonas dos cubos XXI e XXII, a limpeza e acondicionamento de paramentos na Porta Miñá, así como a consolidación da súa torre dereita e a recuperación do arco superior e do forxado de madeira do mesmo. O orzamento será de 262.428 euros.

“Isto –aclarou o conselleiro– deixa patente o firme compromiso da Xunta coa salvagarda e posta en valor deste Ben Mundial. Un monumento que, ademais de ser un dos símbolos máis representativos de Lugo e de toda Galicia, é tamén parte esencial da vida e das relacións humanas nesta cidade bimilenaria”.

Na súa visita a Lugo o conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Lugo, José López Orozco; a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias; a vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez; e a xefa territorial da Consellería, Mª Carmen Gueimunde.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia