Skip to main content

A exposición itinerante Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro recala na Casa de Galicia en Madrid

A figura do poeta lucense Manuel Oreste Rodríguez López (1934-1990) é protagonista da exposición itinerante "Manuel Rodríguez López. Emigrante galego, poeta obreiro" que se inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia co obxectivo de difundir a vida e obra do escritor de Paradela (Lugo) que a dicir de Méndez Ferrín, na súa tese "De Pondal a Novoneyra" é o máis grande poeta obreiro de Galicia da segunda metade do século XX. Foi organizada por GaliciaDigital coa colaboración da familia do escritor, o Concello de Paradela, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e a Real Academia Galega.

Na presentación da exposición interviñeron José Manuel Mato, alcalde de Paradela, Irene López, viúva de Manuel Rodríguez López, Xulio Xiz, xornalista, que falou en nome da familia do escritor, Antonio Giz, director de GaliciaDigital, e, en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez.

Todos eles se referiron á figura do poeta e a súa obra, da que destacaron, entre outras cousas, que foi secretario do Centro Galego de Barcelona e "chegou a ser a ponte perfecta entre os galegos en Cataluña e a Galicia interior a través da súa poesía, da súa narrativa e das súas crónicas xornalísticas" que publicou, entre outros medios, en El Ideal Gallego, El Progreso e Faro de Vigo. Tamén que a forza expresiva da súa poesía é froito do amor do autor por Galicia e o galego e da súa experiencia como obreiro en Cataluña nas décadas dos cincuenta, sesenta e setenta. Os seus temas recorrentes, sinalaron, son a terra, a emigración, o traballo e a defensa dos máis humildes.

A mostra está composta por oito paneis imprimidos polas dúas caras, dispostos de forma que permite a circulación do público arredor destes, e un audiovisual sobre o autor. Antes de chegar a Madrid estivo nas principais cidades galegas, polas que continuará o seu periplo, xunto coas catalás.
Manuel Rodríguez López foi emigrante en Barcelona -chegou coa súa familia aos seis anos-, onde desenvolveu unha importante carreira literaria que culminou na súa etapa lucense ata o seu falecemento. Foi nomeado Fillo Predilecto de Paradela, onde dá nome á Casa da Cultura e a un certame literario.

Máis información en www.manuelrodriguezlopez.org
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia