Skip to main content

O BNG fai un chamamento a pasar a páxina negra das políticas do PP que conducen ao paro e á pobreza

O BNG sumouse as manifestacións celebradas nas principais cidades e concellos do país para conmemorar o Día da clase obreira galega en defensa de “futuro digno na terra”, lembrando aos miles de galegos e galegas que sofren desde o paro, a emigración ou a ultraprecariedade laboral os efectos das políticas de recortes e neoliberais que aplica o PP na Xunta e desde o Goberno central.

“Acordámonos nos miles e miles de persoas que están nas filas do paro a día de hoxe, e aos miles e miles de persoas que se viron obrigados a emigrar por falta de oportunidades laborais aquí, e dos miles e miles de persoas que padecen unhas condicións laborais indignas e mesmo, con contrarios ultraprecarios, con salarios mesmo por debaixo do salario interprofesional, con contratos por días, con condicións de vida insoportables”, denunciaba o portavoz nacional, Xavier Vence, que participou na manifestación que percorreu as rúas de Santiago.

O dirixente do Bloque fixo un chamamento aos traballadores e traballadoras e ao conxunto da cidadanía para empezar “pasar a páxina negra” do PP nos próximos comicios locais do 24 de maio. “É o momento de levantarse contra as políticas do PP que nos crean un presente de pobreza e un futuro de miseria”, subliñou.

Vence deixo claro que o BNG “non está disposto a resignarse” e coa complicidade e apoio da cidadanía, espera conseguir mudar a situación a que nos ten conducido as políticas da dereita “para acadar un futuro digno de traballo na terra”, concluíu.


Gabinete de Comunicación do BNG