Skip to main content

Asínase un protocolo para a promoción de Galicia en Brasil a través das comunidades galegas de Río e Nierói

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia unha nova viaxe ao Brasil, na que, ademais de achegarse á realidade e actualidade das comunidades galegas, coñecerá en detalle as capacidades de negocio dos empresarios galegos do sector turístico en Brasil, e levará a cabo diversos contactos institucionais coas autoridades locais, ademais de asinar dous acordos en materia turística e asistencial, respectivamente.

Ademais de reunirse con empresarios galegos asentados en Río de Xaneiro do sector turístico, cun moi importante peso específico no país, Miranda presidirá a sinatura dun protocolo de colaboración para a promoción de Galicia, na principal cidade brasileira, entre a asociación que os agrupa, o Clúster Turismo de Galicia, e a Xunta.

No ámbito das comunidades galegas, o secretario xeral da Emigración visitará a Casa de España, tamén en Río, e manterá un encontro coas colectividades galega e española, e cos representantes do Consello de Residentes Españois na devandita localidade. Tamén visitará a Asociación ‘Recreio dos Anciâos’, que cumpre 75 anos, que está presidida pola galega Regina Jallas, e coa que a Secretaría Xeral da Emigración asinará un convenio de colaboración en materia socioasistencial.

Miranda reunirase asemade co conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España, e coa nova cónsul xeral de España en Río. Tamén visitará nesta viaxe o Club Español de Niterói, entidade e localidade cunha importante presenza de galegos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia