Skip to main content

O Museo Provincial de Lugo conmemorou o Día Mundial do Teatro

Previamente a este acto, Mario Outeiro mantivo unha xuntanza con representantes dos grupos e asociacións de teatro afeccionado e profesional da provincia de Lugo que participan no programa Buxiganga. Avanzoulle que unha nova edición do mesmo arrincará, como vén sendo costume, durante este vindeiro mes de abril.

O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, mantivo esta mañá no Refectorio do Museo Provincial unha xuntanza con representantes de distintos grupos e asociacións de teatro afeccionado e profesional da provincia de Lugo que participan no programa Buxiganga. Nunha reunión que se prolongou durante preto dunha hora, Outeiro, que lle entregou a cada un dos asistentes unha colección de publicacións vinculadas ao teatro, avanzoulles a planificación dunha nova edición deste programa, que como todos os anos se volverá a poñer en marcha no mes de abril.

“O programa Buxiganga ten unha gran acollida entre todos os grupos da provincia e a nós parécenos unha maneira marabillosa de apoiar o talento da xente e un factor moi importante da nosa cultura, así que manteremos a nosa aposta por este proxecto”, salientou Mario Outeiro. Na xuntanza, os participantes e o responsable provincial de Cultura intercambiaron ideas, expoñendo distintos puntos de vista e dúbidas para, na medida do posible, introducir melloras no mesmo.

Tras esta reunión levouse a cabo o acto para conmemorar o Día Mundial do Teatro. O vicepresidente provincial, o nacionalista Antonio Veiga, fixo de mestre de cerimonias presentado a Tareixa Campo, que foi a encargada de ler o Manifesto Galego polo Día Mundial do Teatro, autoría de Xurxo Borrazás.

Posteriormente, leváronse a cabo dúas representacións no propio refectorio do Museo Provincial de Lugo. En primeiro lugar, Natalia Fernández, de Espazo Artístico 10, recreo ‘A Violación de Franca Rame e Dario Fo’. Logo tomou a remuda o alumnado de 4º Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixidos por Paloma Lugilde fixeron unha ‘Lectura dramatizada do 4º Ciclo’.

Unha vez rematado o acto, as actividades continuaron dentro do Museo Provincial con outras actuacións que tamén estiveron dirixidas por Paloma Lugilde, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Área de Cultura da Deputación de Lugo, que cedeu o espazo para as representacións.
Deputación de Lugo - Vicepresidencia 1ª