Skip to main content

Turoperadores e xornalistas filipinos coñecen Galicia nunha viaxe de familiarización

Unha viaxe de familiarización para turoperadores turísticos e xornalistas do Channel 7 de Filipinas, coordinada por Turismo de Galicia coa colaboración da Oficina Española de Turismo de Singapur, estase a desenvolver en Galicia.

O programa comezou o sábado 4 de abril cunha visita ao Cebreiro onde puideron descubrir a porta de entrada da primeira etapa en solo galego do Camiño Francés, gozar dunhas vistas panorámicas únicas e coñecer varios exemplos das tradicionais pallozas galegas. Pola tarde, trasladáronse á cidade de Lugo para visitar a vila romana máis antiga de Galicia e a súa muralla única no mundo.

O domingo o grupo visitou Sarria, o punto de partida de miles de peregrinos cada ano, para facer un tramo do Camiño Francés dende Furelos a Melide. A continuación, visitaron a capital galega na que realizaron un percorrido polo casco antigo de Santiago e coñeceron a Catedral.

No día de hoxe os turoperadores turísticos e xornalistas filipinos explorarán as Rías Baixas. A primeira parada será en Vilagarcía de Arousa onde visitarán os xardíns do Pazo de Rubiáns, pertencentes á Ruta da Camelia, a flor insignia de Galicia. A segunda parada será en Cambados, a capital do Albariño, onde coñecerán o Pazo de Fefiñáns e o barrio mariñeiro de Santo Tomé. Así mesmo, poderán gozar da illa da Toxa e do seu club termal.

A tarde estará dedicada a coñecer unha das praias máis longas de Galicia, A Lanzada, e a cidade de Pontevedra, onde visitarán o seu centro histórico e a igrexa da Peregrina.

Viaxe de familiarización do xornalista irlandés Michael Fewer

Tamén durante esta semana a nosa Comunidade conta coa visita do xornalista irlandés Michael Fewer.

Esta viaxe de familiarización promovida tamén por Turismo de Galicia coa colaboración da Oficina Española de Turismo de Dublín, permitirá ao xornalista coñecer irlandés coñecer as zonas das Rías Baixas e a Costa da Morte.

Como resultado da viaxe Michael Fewer escribirá diversos artigos sobre as conexións celtas da Europa Atlántica.

Promoción da oferta turística de Galicia a nivel internacional

Estas viaxes de familiarización continúan coa aposta de Turismo de Galicia por promover a nosa comunidade e a súa oferta turística a nivel internacional.

As viaxes de familiarización turística constitúen unha forma de promoción turística que, baseada no coñecemento ‘in situ’ do destino, ten, por un lado, unha grande importancia para os axentes de viaxe, porque poden prescribir o destino cun mellor coñecemento, e, por outro, un gran valor publicitario para o territorio receptor xa que os seus atractivos e recursos turísticos son difundidos mediante reportaxes e informacións variadas nos medios de comunicación.

No pasado ano 2014, Turismo de Galicia promoveu na comunidade galega un total de 17 viaxes de familiarización que trouxeron a Galicia un total de 85 persoas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia