Skip to main content

13 toneladas de tapóns de plástico para pagar medicamentos

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, acompañada da Concelleira de Asuntos Sociais, Ana González; a Presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Lugo, Ana Prieto; a Presidenta de Honra de Apsnais, Concepción Teijeiro; o Presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Ceao e Director de Allplas, Ángel López; o Director de PRELO, Manuel López; o Director de Recikla2, Antonio Fernández; o Director de Reciclajes Contemar, Miguel Abel; e os responsables da organización da selección do Banco de Tapóns de Lugo, Teresa Sanjuan e Consuelo Varela, fixeron entrega dun novo talón que permitirá a Julia Ortiz, enferma crónica, afrontar o pago dos seus medicamentos.

O importe recadado nesta ocasión, 2.600 euros conseguidos grazas á recollida de 13 toneladas de tapóns, foi entregado a Angie Camila, neta de Julia Ortiz, co fin de sufragar os gastos farmacéuticos da súa avoa, moi elevados por mor da patoloxía crónica que padece, esquizofrenia paranoide. O pago efectuarase mensualmente, de xeito fraccionado, entregando o importe directamente á farmacia.

A Deputación de Lugo colabora coa campaña Os tapóns das vida e coidan do medioambiente, encargándose de parte da recollida dos tapóns cos medios do Parque Móbil en diferentes puntos da provincia, xuntando toneladas de plástico para recadar fondos que financian distintas iniciativas grazas á solidariedade dos lucenses.

Todas as entidades que colaboran no proxecto perseguen a mellora da calidade de vida das persoas que teñen dificultades para o desenvolvemento normal das súas actividades cotiás. Deste xeito, traballan para poñer freo ás desigualdades sociais que van en detrimento do benestar dos máis vulnerables, con especial atención á infancia.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo