Skip to main content

70 emprendedores galegos, no debate sobre o acceso á industria musical

O encontro ten como obxectivo trasladarlles aos emprendedores musicais galegos os conceptos esenciais para iniciar un labor profesional no ámbito da música, mediante a identificación dun ‘abecedario urxente’ para músicos emerxentes e a explicación das nocións básicas para desenvolverse no oficio da música. Ademais, os inscritos terán a oportunidade de solucionar dúbidas formulando as súas preguntas aos especialistas participantes.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, que participou na apertura do seminario xunto ao vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara, presentou a iniciativa como unha boa oportunidade para ofrecer unha visión práctica, e á vez documentada, do que ten que ser un emprendemento empresarial que facilite o acceso ao eido da música de xeito profesional.

Sutil dirixiuse aos asistentes para constatar o “enorme potencial creativo” que posúe Galicia, tanto na composición como na interpretación musical, e a necesidade de conducir e xestionar este potencial acertadamente para acadar o éxito de calquera carreira artística. Tamén se referiu á importancia do dominio de moitos dos contidos que se abordarán no seminario (management, autoxestión, plataformas musicais na Internet, redes sociais aplicadas á música, propiedade intelectual, contratos discográficos...) como factores clave para o desenvolvemento profesional.

Do local de ensaios aos escenarios

A continuación interveu Patricia Hermida, da asociación de mánagers MMF Spain, quen falou sobre as vantaxes das dúas formas de desenvolver unha carreira musical: contar cun axente profesional ou optar pola autoxestión. A xornada de hoxe inclúe o relato en primeira persoa de Eladio Santos, vocalista do grupo Eladio y Los Seres Queridos, quen compartirá cos presentes a súa experiencia no paso desde o local de ensaios ata os escenarios nacionais e internacionais. Á súa intervención seguiralle unha actuación en pequeno formato.

Mañá sábado 6 de xuño trataranse asuntos como a distribución de música nas canles de descarga dixitais e streaming, sesión na que participarán Rómulo Sanjurjo e Roi Maceda (de Dubidá Play), ou os dereitos de autor online e offline, a cargo de Juan Carlos Fernández Fasero, director da SGAE Zona Noroeste.

A última das charlas previstas versará sobre o papel da comunicación na estratexia de venda dun grupo musical, con especial referencia ás claves para xestionar as redes sociais e os soportes web. David Barajas, de Esgalla Comunicación & Marketing Digital, será o encargado de debullar estes contidos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia