Skip to main content

Máis de 5.000 persoas de España e o estranxeiro se interesan polo Campus de Lugo en tan só unha semana

O Presidente da Deputación en funcións, José Ramón Gómez Besteiro, e o Vicerreitor do Campus lugués, Javier Bueno Lema, mantiveron unha xuntanza de seguimento do Plan de Choque, que ambas as dúas institucións puxeron en marcha o ano pasado e ampliaron neste 2015.

O Vicerreitor destacou que “hoxe cúmprese exactamente un ano da toma de posesión do actual equipo de goberno da USC. Dende entón, comezamos a traballar no impulso do Campus de Lugo e, no curso 2014-2015, conseguimos incrementar nun 40% a matrícula nas titulacións que tiñan menor demanda. Este ano as espectativas son mellores grazas ás axudas que ampliou a Deputación de Lugo”. Neste senso, o Presidente en funcións lembrou que “enriquecemos e ampliamos o Plan de Choque cun proxecto para captar talento e con premios para os mellores expedientes”. Gómez Besteiro subliñou que “temos unha forma distinta de facer política, que é a de comprometerse coa universidade pública a diferenza do que fai a Xunta de Galicia. Os tres reitores galegos coinciden en que o esfozo da principal administración galega é insuficiente, moito menor que nas outras universidades de Europa”. Recentemente, os reitores aseguron que a Xunta aporta un 0,8% fronte ao 2% de media que reciben as universidades europeas.

40% de visitas do estranxeiro

Deputación e USC puxeron en marcha, por segundo ano consecutivo, a campaña de promoción de Lugo como cidade universitaria, que leva por nome paraestudarlugo. Na semana que leva activa, a páxina www.paraestudarlugo.com recibiu máis de 5.000 visitas de todas as partes de Galicia e España. Principalmente, dende a provincia de Lugo, aínda que, por exemplo, o 11% foron dende Madrid e o 3% dende Barcelona. O 40% das visitas proviñeron do estranxeiro, de países como Rusia, Estados Unidos ou Alemaña; feito que demostra que esta campaña está a fomentar o Campus de Lugo máis alá das nosas fronteiras.

En redes sociais como a páxina de Facebook da Deputación de Lugo as publicacións sobre a campaña paraestudarlugo tiveron un alcance de máis de 10.000 persoas e foron compartidas por máis de 100. En Twitter houbo uns 50 tweets co hashtag #paraestudarlugo

Axudas e prazos

A través da campaña paraestudarlugo, a Deputación ofrece, por segundo ano consecutivo, descontos do 50% nos custen da matrícula a estudantes que se matriculen por primeira en 10 graos do Campus de Lugo. Son os seguintes: Enxeñaría de Procesos Químicos Industrias; Enxeñaría Civil; Enxeñería en Xeomática e Topografía; Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria; Enxeñaría Forestal e do Medio Natural; Lingua e Literatura Españolas; Ciencias da Cultura e Difusión Cultural; Relacións Laborais e Recursos Humanos; Xestión de Pequenas e Medianas Empresas; e Administración e Dirección de Empresas. Este mércores comeza a selectividade. Do 1 ao de 3 xullo será o prazo de preinscrición. O prazo de matrícula é do 15 ao 31 de xullo. Durante este último período, só será necesario acceder á paxina web da USC, seleccionar a ligazón coa matrícula e formalizar o proceso. O desconto do 50% aplicarase de xeito automático no momento de pagar a matrícula.

Como novidade, este ano a Deputación tamén custeará a matrícula íntegra aos 135 mellores expedientes de BAC, FP e grao do Campus de Lugo a través do programa de captación de talento “O teu esforzo ten premio en Lugo”. Concretamente, a Deputación sufragará a matrícula dos 90 mellores expedientes galegos de Bacharelato e Formación Profesional que se matriculen no Campus de Lugo; así como as dos 45 mellores graduados que cursen un máster na cidade lucense. O prazo de inscrición para desfrutar deste novidoso programa de captación de talento está aberto ata o 30 de xullo. A documentación debe presentarse no Rexistro da Deputación.

Resultados no curso 2014-2015

O Plan de Choque que Deputación e USC puxeron en marcha o ano pasado, promocionando Lugo como cidade universitaria, rompeu coa tendencia de baixada de alumnos que experimentaba o Campus de Lugo. Deste xeito, as titulacións con menor demanda, cuxa primeira matrícula custeou ao 50% a Deputación, experimentou un incremento do 40% no curso 2014-2015, pasando de 137 estudantes a 191. Destaca a subida de graos como o de Ciencias da Cultura, que pasou de 12 a 45 alumnos.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo